DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo grupo EQ-2 na Facultade de Ciencias

Unhas xornadas visibilizan a investigación no eido da biomasa e o desenvolvemento sostible

Contaron coa participación de especialistas das universidades de Vigo, León, Pisa e Pará (Brasil)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 23/09/2022

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da Xornada sobre Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost2022), organizada polo grupo EQ-2 da Universidade de Vigo. A cita contou coa participación de especialistas das universidades de Vigo, León, Pisa (Italia) e Pará (Brasil), que expuxeron os seus avances no eido da investigación en temas como a obtención de compostos de interese industrial a partir de biomasa, a bioeconomía circular e os compostos bioactivos e potencial antioxidante de froitas da Amazonía.

As xornadas, comentaron desde a súa organización, celébranse de xeito anual desde o ano 2019, recuperando nesta cuarta edición, e tras a pandemia, a súa presencialidade. O seu obxectivo, lembraron, é, no marco das liñas de investigación do grupo EQ-2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible, abordar a investigación que se está a realizar na revalorización de materias primas, de poder darlle outros usos a residuos industriais, e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido, como compostos bioactivos, antioxidantes ou materiais biopoliméricos. Para facelo, ao igual que en anteriores edicións, convidouse a intervir nesta actividade a investigadoras e investigadores do grupo organizador ou que colaboran con el nalgunha das súas liñas de traballo.

Catro conferencias

A iniciativa, de carácter divulgativo aínda que especialmente dirixida ao alumnado da Facultade de Ciencias, onde se imparten os graos de Enxeñaría Agraria; Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, estivo organizada polos investigadores e investigadoras Mª Dolores Torres, Sandra Rivas, Noelia Flórez-Fernández e Carlos Vila, membros de EQ-2. Precisamente a programación arrancou cunha intervención de Carlos Vila na que ofreceu unha visión xeral das liñas de investigación deste grupo multidisciplinar que conta cunha dilatada traxectoria no eido do aproveitamento sostible de biomasa e que na actualidade está formado por unha vintena de investigadoras e investigadores.

O grupo EQ2, lembrou Carlos Vila, formouse nos anos 90, co catedrático Juan Carlos Parajó á fronte, para traballar en aproveitamento de biomasa. Deste entón, apuntou, tense convertido en grupo de referencia en Galicia, desenvolvido máis de 35 proxectos de investigación, centos de artigos e acollido a realización de máis dunha trintena de teses de doutoramento. “Unha das necesidades que existen e que existirán no futuro é a substitución dos materiais que proceden do petróleo, que nalgún momento chegará a esgotarse ou non poderá seguir utilizando porque evidentemente é un contaminante, un material non sostible”, explicou Carlos Vila. Desde hai bastantes anos, detallou, “investígase no aproveitamento da biomasa para substituír todos estes produtos que hoxe en día se seguen facendo co petróleo” pero para acadar “pouco a pouco esta substitución”, recalcou, “hai que levar a cabo moita investigación”.    

Tras a intervención de Carlos Vila ofreceu unha conferencia Domenico Licursi, da Università di Pisa (Italia) e investigador que actualmente está facendo unha estadía no grupo EQ-2 A no marco da súa liña de obtención de compostos químicos de base. No seu caso, a conferencia centrouse na investigación en obtención de compostos de interese industrial a partir de biomasa, concretamente compostos que se empregan para a produción de combustibles, tendo en conta o seu traballo con industrias (de celulosa e pel por exemplo) para a valorización dos seus efluentes ambientalmente contaminantes, como os de tintura.

Seguiulle unha conferencia titulada Como axudar a unha planta? Bioeconomía circular, ofrecida por Sara Mayo, da Universidad de León. Nela, explicou o traballo do seu Grupo Universitario de Investigación en Ingeniería y Agricultura Sostenible en control biolóxico de pragas e enfermidades de cultivos principalmente de xudía, vide e lúpulo, empregando un fungo presente na maioría dos solos chamado tricoderma. Tamén falou da súa colaboración co grupo EQ-2 na mellora da xerminación de sementes con este axente de biocontrol e recubertas de algas. A xornada pechouse cunha intervención virtual sobre compostos bioativos e potencial antioxidante de froitas da Amazonía ofrecida por Renan Chisté, da Universidade Federal do Pará (Brasil).