A actividade celebrouse este xoves e venres na Facultade de Historia
Unhas xornadas visibilizan o traballo de novos investigadores e investigadoras en patrimonio cultural
No marco do programa interuniversitario de doutoramento que coordina a UVigo neste eido
A Facultade de Historia do campus de Ourense foi o lugar elixido para a celebración este xoves e venres das II Xornadas de Investigación en Patrimonio Cultural. A actividade estivo organizada no marco do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, ofrecido polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
As xornadas presentáronse como un espazo de encontro e intercambio científico entre o alumnado e o profesorado do programa, e contou coa participación de estudantado seu e de persoas egresadas que compartiron a súa experiencia investigadora e profesional. En total contou con 15 conferencias doutros tantos novos e novas investigadoras e unha mesa redonda de egresados e egresadas. O evento foi semipresencial, podendo seguirse de xeito presencial ou a través do Campus Remoto da UVigo. “As primeiras xornadas fixéranse en Trasalba antes da pandemia e este ano decidimos retomalas para ofrecerlle aos nosos doutorandos un punto de encontro, un espazo no que compartir procesos de investigación e xerar redes de traballo e apoio entre eles”, explicou a profesora da UVigo Beatriz Comendador, coordinadora deste programa de doutoramento.
A maioría das actividades formativas do programa, apuntou a súa responsable, son virtuais e esta actividade presencial permítelles coñecerse persoalmente, compartir os traballos que están facendo e as dificultades ante o reto de realizar a tese de doutoramento. Ademais, engadiu, este encontro é especialmente frutífero tendo en conta que este programa interuniversitario caracterízase pola súa transdiciplinariedade, reunindo investigadoras e investigadores con liñas de traballo con “metodoloxías e aproximacións ao tema de patrimonio moi diversas”, desde o xurídico ou o tecnolóxico ata o arquivístico.
Diversidade temática
Tras a inauguración a cargo de Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e Beatriz Comendador, o xoves foron oito as liñas de investigación presentadas por estes novos e novas investigadoras. Nelas están a traballar sobre temas como as esculturas de canecillos baixo os tellados da Catedral de Ourense (1218-1248); a restauración virtual da igrexa románica de Santa María de Sar no século XII; o Caminho Português da Costa e os orzamentos xurídicos concomitantes previos ou de orixe como base de protección do patrimonio cultural inmaterial. Outros estudos que están a abordar e dos que falaron este xoves en Ourense son as gacetas e o Libro de San Cipriano; a transición e elites políticas; o poder na Deputación Provincial de Ourense entre 1917 e 1983 e a aplicación ao prerrománico da Vía da Prata do modelo de mediación e interpretación patrimonial baseados en TICs. Esta primeira sesión rematou cunha mesa de alumnado egresado na que participaron Andrea Mouriño e Iria Souto.
O segundo día das xornadas, o venres, arrancou cun estudo sobre a dieta e análise isotópico do oso pardo no Holoceno en Marrocos e continuou con conferencias sobre os indicadores de mobilidade na prehistoria recente do Alto Támega transfronteirizo e a análise comparativa como método para determinar a posible correlación entre os petróglifos con representacións de armas e os sitios de produción e/ou transformación de metais. Tamén houbo intervencións sobre as elites e sociedade durante o tardofranquismo e a Transición na provincia da Coruña; sobre “un conto sobre Estrelas da Morte e pinturas murais”; o viño, cultura e memoria na península do Morrazo e a recuperación da autoidentidade a través de enfoques descolonizados da arte e o patrimonio Igbo.
A pesar de ser un programa de doutoramento “pequeno”, apuntou Beatriz Comendador, conta cun panel de 50 profesores e profesoras distribuídos en tres liñas de investigación (caracterización de materiais, xeotecnoloxías aplicadas e patrimonio cultural, identidade, memoria e territorio). Desde a súa posta en marcha téñense matriculado 122 persoas, 69 delas no período 2019-2024, e téñense lido 24 teses de doutoramento. Mostra desta actividade, indicou, foron as xornadas celebradas esta semana no campus de Ourense.
