DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o 1 de outubro na Facultade de Historia

Unhas xornadas visibilizarán o papel da muller na antigüidade

Están abertas a toda as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 20/09/2018

A muller na antigüidade: perspectivas e reflexións. Con este título preséntase unha xornada organizada desde a Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo que ten como obxectivo principal dar a coñecer e visibilizar o papel da muller na antigüidade.

A cita, que terá lugar o 1 de outubro na Facultade de Historia do campus de Ourense, está organizada polas profesoras deste centro Susana Reboreda e Iria Souto, que comparten o seu compromiso coa abordaxe da temática de xénero nas súas áreas de estudo e que no caso de Susana Reboreda se materializa na participación en proxectos de investigación competitivos tanto estatais como europeos sobre esta cuestión. Aínda que especialmente pensada para o alumnado do Grao en Xeografía e Historia que se imparte nesta facultade, a actividade é aberta e de balde para todas as persoas interesadas.

“Con esta xornada pretendemos completar a oferta formativa na temática de xénero que non se inclúe no programa docente. O segundo obxectivo é convidar á reflexión ao constatar a persistencia de sociedades patriarcais na antigüidade en diferentes culturas, en concreto no próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma”, sinala Susana Reboreda. En relación con esta reflexión, “que atopará similitudes e diferencias con situacións actuais propias ou doutras culturas”, a docente apunta que “está a idea de desenvolver o espírito crítico, xunto co necesario respecto cara á diversidade”. Deste xeito, subliña a tamén decana da Facultade de Historia, “a finalidade última desta xornada é poñer en relevo a relevancia do coñecemento histórico do rol das mulleres como único xeito de coñecer e comprender a situación actual e ter máis argumentos para reivindicar os cambios”.

Expertas de diferentes universidades

A xornada, na que colaboran ademais da Facultade de Historia, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, constará de catro conferencias doutra tantas profesoras ou doutoras de recoñecido prestixio e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga. O programa arrancará cunha conferencia de Agnès García, investigadora posdoutoral da Universitat de Barcelona sobre mulleres traballadoras na antiga Mesopotamia. Da mesma universidade participará a profesora titular Dolors Molas, que ofrecerá unha conferencia titulada Hetairai e Philai: Safo e a poesía lírica grega arcaica. Pola súa banda, Nuria Castellano, doutora en exiptoloxía e profesora da Universidad de Murcia, falará sobre o Farón, o poder feminino, e Rosa Cid, profesora catedrática da Universidad de Oviedo, intervirá sobre Mulleres na Roma antiga entre a domus e o templo. A cita rematará cunha mesa redonda coas catro expertas e o público.