DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi reelixido decano pola Xunta de Facultade con 44 votos a favor e cinco en contra

Xosé Baamonde continuará tres anos máis á fronte de Ciencias Sociais e da Comunicación

A internacionalización das titulacións e estudar posibles dobres graos, entre os seus obxectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/09/2018

Co respaldo de preto do 90% do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado presente este mércores na Xunta de Facultade, o profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Xosé Baamonde foi reelixido decano de Ciencias Sociais e da Comunicación. Á fronte do centro desde decembro de 2015, Baamonde concorría a esta votación cun equipo que completan os docentes Mabel Míguez, Diana Ramahí, José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal, e a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto neste centro, recibiu 44 votos a favor e 5 en contra.

“Sempre é bo ter ese respaldo maioritario e agora o que hai que facer é intentar manter esa ilusión da xente que quere facer cousas e darlles oportunidades a todo o mundo para que participe”, recoñecía trala votación Baamonde, que asume un novo período de tres anos á fronte da facultade á fronte dun equipo renovado, no que só o profesor José Pita continúa como vicedecano de Mobilidade e Alumnado. Súmanse ao mesmo Diana Ramahí como vicedecana de Calidade, Paulino Pérez como vicedecano de Comunicación, Tino Cordal como vicedecano de Asuntos Económicos e Mabel Míguez como secretaria académica. “Son sobre todo xente nova con gañas de facer cousas e que nalgúns casos xa ten experiencia en postos de xestión”, salientou Baamonde, quen fixo énfase no traballo realizado polo anterior equipo decanal ao longo dos tres últimos anos. 

Dobres graos e internacionalización

Promover que “todos os colectivos sexan partícipes na toma de decisións daquelas cuestións relativas ao futuro do noso centro”, fomentar o diálogo e a transparencia e impulsar a visibilidade das diferentes titulacións foron “eixos básicos de actuación” salientados por Baamonde na súa proposta de traballo para o período 2018-2021. No documento que presentou á Xunta de Facultade, o decano salientou entre os obxectivos para este período “analizar a posibilidade de dobres graos que contribúan a unha maior capacitación dos nosos egresados”, ámbito no que fixo énfase no valor de “aproveitar as especiais relacións de Galicia cos países de América Latina”. No eido da docencia, avogou tamén por “seguir apostando pola calidade, que é a que nos vai permitir acadar reputación e prestixio”. Do mesmo xeito, lembrou tamén a aprobación do plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, co que esta titulación pasou a ofertar unha serie de materias en inglés, para incidir que “é preciso darlle un novo pulo a este proceso nos outros títulos, tento en conta a importancia da mobilidade tanto do alumnado como do profesorado”.

Seguindo cos “logros que conseguimos entre todas e todos” ao longo dos últimos anos, Baamonde lembrou tamén a posta en marcha neste curso do novo mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, “que acadou plena matrícula na primeira convocatoria”, a implantación da modalidade semipresencial do grao en Dirección e Xestión Pública, titulación na que se deu continuidade ao convenio de dobre titulación coa Universidade de Sao Paulo. 

Proxección das titulacións

Por outra banda, incidiu tamén na necesidade de “reforzar as campañas de captación de alumnado”, prestando “especial atención nas accións de promoción do grao en Dirección e Xestión Pública”, ao igual que promover accións que “permitan mellorar a presencia do centro na contorna social e empresarial”, así acadar como un maior coñecemento por parte de administracións e colectivos empresariais dos diferentes perfís de titulados e tituladas. “Non son admisibles as dificultades que teñen algúns dos nosos titulados para presentarse a determinadas oposicións ou o descoñecemento de moitos empresarios das vantaxes de contratar a un profesional da comunicación”, salientou Baamonde. 

No relativo ás infraestruturas, Baamonde lembrou as melloras feitas no salón de actos, “en especial en termos de accesibilidade do escenario”, labor que proxectan continuar no referido á iluminación e o son “para que se converta nun espazo de referencia no campus”. Do mesmo xeito, defendeu a importancia de continuar coa aplicación do plan de accesibilidade, así como a “incorporación de novos espazos para a docencia e a investigación”. Por outra banda, no relativo aos colectivos do centro, avogou por revitalizar a delegación de alumnado e polo fomento do asociacionismo, o incremento das propostas culturais e de dinamización lingüística, así como das actividades extraacadémicas e a colaboración na promoción das actividades de investigación e transferencia. “En definitiva, o obxectivo é incentivar a participación de toda a comunidade nos organismos de toma de decisións, tendo en conta as achegas e puntos de vista de todos os colectivos”, sinalou.