O catedrático da UVigo e investigador de Ecobas considera “unha honra” a súa elección
Xosé Henrique Vázquez, novo presidente da Asociación Española de Economía e Dirección de Empresas
ACEDE é a asociación de referencia nacional no eido da economía da empresa
Durante os dous próximos anos o catedrático da UVigo e investigador garante de Ecobas Xosé Henrique Vázquez exercerá á fronte da presidencia de ACEDE, Asociación Científica de Economía e Dirección da Empresa, logo da súa elección na asemblea de socios, que tivo lugar, nas últimas horas, en Valencia no marco do XXXIII Congreso Internacional da entidade. “É unha honra que os compañeiros te propoñan tomar a representación dunha entidade co prestixio académico de ACEDE, na que moitas persoas levan traballando arreo durante máis de tres décadas para asegurar o desenvolvemento de todas as áreas que afectan á dirección de empresas”, afirmou Vázquez, que releva no cargo á catedrática Carmen Cabello Medina, da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla.
Como sociedade científica, ACEDE busca fomentar o progreso e a difusión do coñecemento no campo específico que abrangue dende a estratexia ás operacións, o marketing, as finanzas, a empresa familiar, a dirección internacional ou a xestión de recursos humanos. Toda a actividade da asociación se orienta á promoción da investigación, o desenvolvemento profesional, o establecemento e estímulo de estándares éticos e profesionais, o apoio a xóvenes académicos ou a divulgación do coñecemento xerado á administración, o entramado empresarial e a sociedade civil. Tamén coñecida como Spanish Academy of Management no mundo académico internacional, ACEDE conta cunha base asociativa de 800 membros distribuídos fundamentalmente en todo o territorio nacional, o que a sitúa como a entidade de referencia en España na investigación científica e no avance do coñecemento para a dirección e a administración de empresas.
Potenciar a presencia en foros internacionais e intensificar relacións co sector
Para o período que agora comeza, o novo presidente centrará os seus esforzos en “potenciar a presencia de ACEDE nos principais foros internacionais de economía e empresa, intensificar as relacións co sector empresarial e outras institución públicas, e dar un novo pulo aos investigadores máis novos, asegurando que o seu esforzo se enfoque con valores profesionais e éticos esixentes”.
Para Vázquez, todo o labor de ACEDE parte da esixencia da “calidade da investigación científica que achegamos no noso ámbito de especialización pero, aínda máis aló, na capacidade que temos para transferir este coñecemento ás persoas que acceden aos postos de dirección nas empresas e nas organizacións, de hoxe e do mañá”. O bo desenvolvemento do tecido empresarial, a creación de benestar e riqueza sobre pilares inclusivos e respectuosos co medio ambiente “dependen en boa medida das decisións que cada día toma o persoal directivo nos despachos, e nós temos unha responsabilidade importante para garantir que a súa formación e a súa actuación cotiá sexa rigorosa e coherente. Nunca foi tan importante facer as cousas correctas correctamente”, apuntou.
Procurando respostas para que as organizacións encaren con éxito os retos globais
Doutorado Europeo en Organización de Empresas, Xosé Henrique Vázquez posúe unha ampla experiencia docente e investigadora. Como membro garante de Ecobas, plenamente aliñado coa axenda científica do Centro de Investigación Interuniversitario, declárase “comprometido na procura de respostas para que as organizacións encaren con éxito os grandes retos globais”. O seu enfoque e nivel de excelencia víronse recoñecidos en publicacións de máximo prestixio mundial como Harvard Business Review, Journal of Operations Management, Organization Science ou Research Policy.
Enfocado na intersección entre a estratexia empresarial, a excelencia operacional e as finanzas, o docente e investigador atesoura ademais un amplo rexistro de colaboracións con centros tecnolóxicos, institucións públicas, e empresas como o Banco Interamericano de Desarrollo, o Consorcio de la Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia, Syngenta, Stellantis, Pescanova ou Tecnalia.