DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano de Belas Artes é un dos comisarios dunha mostra sobre a iconografía asociada a esta figura

Xosé Manuel Buxán revisa no Museo de Pontevedra a representación de San Sebastián ao longo da historia

A exposición reúne 77 gravados realizados entre o século XVI e o XX

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/01/2026

San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada é o título da exposición na que o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e a conservadora responsable dos gravados da colección do Museo de Pontevedra, Natalia Fraguas, revisan a iconografía asociada á figura de San Sebastián, articulando un percorrido pola súa representación ao longo da historia da arte. A mostra que este venres se inaugura no Edificio Castelao reúne unha ampla selección de gravados, que abranguen do século XVI ao XX, xunto con outra serie de pezas que permiten afondar na representación desta figura na cultura popular actual. “San Sebastián martir é un dos santos máis representados da iconografía cristiá. A súa figura case espida e atravesada por fechas fixérono moi atractivo para artistas de todas as épocas e dotárono de connotacións que o situaron tamén como referente do homoerotismo”, sinala o texto de presentación dunha exposición que poderá visitarse ata o 5 de abril.

Froito de 30 anos de investigación

Conformada por un amplo abano de pezas, esta mostra ten como punto de partida a investigación sobre a iconografía de San Sebastián e as súas diferentes connotacións ao longo da historia que Buxán desenvolveu para a súa tese de doutoramento na Universidade do País Vasco (UPV/EHU). A mostra que este venres ás 18.30 horas celebra a súa inauguración foi presentada este xoves polos seus comisarios, o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. 

Baixo o título de Homoerotismo na inconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente, a tese que en 1995 defendía o profesor da UVigo constitúe o punto de partida dunha mostra que é tamén resultado da investigación sobre o eros e a imaxe de San Sebastián na que Buxán continuou afondando ao longo dos últimos 30 anos. Nese senso, o comisario e docente destacaba desta mostra a "cohabitación" entre gravados de diferentes épocas coas visións contemporénas do mito de San Sebastián. "Danos un pouco a idea da importancia e do significado de San Sebastián na cultura contemporánea e na arte internacionla", salientou Buxán, quen sinalou que se trata da exposición de maior alcance que se lle dedica en España á representación artística desta figura. Nesa mesma liña, Domínguez puxo en valor “a sorte de contar cunha exposición que ten detrás anos e anos de traballo e pensamento” e Tilve enxalzou a "enorme calidade" das pezas que se reúnen nesta mostra, procedentes dunha colección privada.

Do gravado clásico á actualidade

A exposición reúne 77 gravados “de moi alta calidade”, como sinalou Buxán, que abranguen desde o Renacemento ata as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampas barrocas dos séculos XVII e XVIII. Estas pezas vense á súa vez complementadas pola exposición de libros, discos, revistas, carteis, camisetas ou perfumes que empregaron tamén a figura de San Sebastián atravesado polas frechas. 

Como explicou Fraguas, neste proxecto optaron por fuxir dunha ordenación cronolóxica para organizar a exposición en función das temáticas tratadas nos gravados. Optouse, apuntou, por unha estética da acumulación, vinculada á idea do coleccionismo. Nese senso, dentro da sección máis extensa, dedicada ao gravado, poden atoparse unha serie de apartados que aluden a diferentes xeitos de representar a San Sebastián: “o martirio, só e nu, asistido polos anxos, na gloria...”, explicaron os seus comisarios. A través destas representacións, a mostra propón un percorrido pola historia do gravado europeo, que permite afondar na evolución dunha técnica que “contribuíu enormemente á democratización da arte”, lembrou Fraguas. De feito, apuntou Buxán, na exposición preséntase obras procedentes dos principais centros de produción de gravados na época moderna, como Países Baixos, Italia ou Francia.

Por outra banda, a mostra permite tamén achegarse ás “novas lecturas” da iconografía asociada a esta figura no século XX, con obras de Keith Haring, Ana María Pacheco ou Roberto González Fernández. Con esa mesma idea, dedican un apartado a portadas de libros e discos ou carteis cinematográficos, amosando como esta figura foi empregada desde diferentes eidos “na meirande parte das veces por ser metáfora do desexo carnal e da beleza”.  A exposición complétase ademais cunha serie de pezas de escultura e cerámica de diferentes épocas e procedencias.