DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mar García remata o seu segundo mandato á fronte deste centro

Xosé Manuel Cid, único candidato ao decanato da Facultade de Educación e Traballo Social

O día 16 de setembro será a votación da Xunta de Facultade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedin DUVI Ourense 09/09/2020

Pouco antes da declaración da pandemia, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense tiña en marcha o proceso para a renovación do seu decanato, unha vez que a súa actual decana, Mar García, cumpría dous mandatos á fronte deste centro. Retomado este mes o proceso, a votación da Xunta de Facultade terá lugar o día 16 de setembro, sendo o profesor Xosé Manuel Cid o único candidato que se presenta.

Profesor titular de Teoría e Historia da Educación que suma 40 anos de docencia, primeiro na USC e trala segregación das universidades na Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid foi en 2001 o primeiro decano da actual Facultade de Educación e Traballo Social, participando desde entón en todos os seus equipos decanais ben como decano ou ben como vicedecano. Sempre implicado en órganos de xestión, tendo sido tamén vicerreitor de Extensión Universitaria na UVigo, compaxina estas tarefas coa docencia e a investigación, centrada no profesorado republicano represaliado. Director do programa de doutoramento desta facultade, ten dirixido 16 teses.

A candidatura presentada inclúe como vicedecanos e vicedecanas a Pino Díaz, Isabel Mociño, Francisco Javier Aguiar e Manuel Vidal, abranguendo as diferentes titulacións do centro. Por primeira vez para a secretaría proponse a un membro do persoal de administración e servizos, Raquel María Iglesias. Do equipo decanal saínte e do que Xosé Manuel Cid foi vicedecano, o profesor subliña como “o labor desempeñado foi dunha total entrega á facultade” salientando da actual decana, Mar García, “a capacidade que tivo de facer rede con moita xente que colabora para que esta facultade avance” e “o seu liderado e esforzo, moi especialmente nestes últimos seis meses tan duros”. Igualmente pon en valor o traballo realizado polas persoas que deixan o decanato, como son Carmen Ricoy e Ramón Ángel Fernández.

Retos en tempos de covid-19

Sobre as súas propostas para un novo mandato, Xosé Manuel Cid indica como “neste momento o principal desafío vennos marcado desde fóra, pola pandemia. O noso traballo será facerse eco do sentir da comunidade universitaria e ir tomando todas as medidas que sexan necesarias para garantir as condicións de saúde necesarias”. Moitas das decisións que se tomen nos vindeiros meses, comenta, “van a vir condicionadas polas indicacións das institucións sanitarias e dos propios órganos de goberno centrais da universidade de cara a que a docencia transcorra nas mellores condicións posibles e que ao mesmo tempo o profesorado poida manter o seu nivel de investigación e demais”. Neste contexto, sinala o candidato a decano, “o noso reto principal é manter os estándares de calidade que ten a facultade, procurando volver a unha presencialidade total o antes posible e mentres non sexa posible tratar de ter presencialidade todos aqueles grupos para os que teñamos capacidade de aforo nas aulas. Parécenos irrenunciable ser universidade pública e presencial”.

Polo que respecta á oferta académica do centro, Xosé Manuel Cid indica que dado que “os títulos están todos certificados e acreditados, o obxectivo é renovar todas esas acreditacións e certificacións e traducir estes selos en melloras reais que sexan percibidas por toda a comunidade universitaria e pola sociedade”. Tamén avoga por “manter a boa colaboración que temos con centos de institucións, desde administracións ata o terceiro sector, nas que o noso alumnado realiza o practicum” e “recuperar os índices de internacionalización que tiñamos. Non podemos quedar outra vez illados de Europa e do mundo”. Outros desafíos para o novo mandato, apunta o profesor, serían “recuperar espazos de participación” e “a colaboración estreita cos departamentos para consolidar prazas de profesorado con vinculación permanente. Toda persoa acreditada debería estar nesa situación ao longo dos tres anos, para recuperar os dez anos de recortes”.

Por último, e collendo unha frase do adestrador Diego Simeone, o candidato a liderar a Facultade de Educación e Traballo Social recalca como “este curso temos que xogar todos e todas. Independentemente do decano, do equipo, das persoas que apoian en diferentes labores concretas... ten que xogar toda a facultade, incluído o persoal docente e investigador, o alumnado e o persoal de administración e servizos”. Na actual situación, comenta o profesor da Universidade de Vigo, “a educación ten un papel moi importante” e “desde a educación temos que ser exemplo tamén para a sociedade. É o momento da responsabilidade colectiva pero tamén da responsabilidade individual”, recalca Xosé Manuel Cid.