DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concerto de Suso Vaamonde, a banda de Salceda e a aula de música tradicional do campus

Xotas, alboradas e muiñeiras para dar a benvida á primavera

Centos de persoas asistiron no Teatro Principal á actuación organizada pola Vicerreitoría

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/03/2019

A Alborada de Verín, a Muiñeira do Sisto da Chaparra, a Xota Vella, o Valse de Pazos de Merexo ou a Cantiga de Palas de Rei foron algunhas das pezas populares da tradición musical galega que na noite deste xoves resoaron diante de centos de persoas no Teatro Principal no Concerto de Primavera do campus de Pontevedra. De tradición con Suso Vaamonde era o título deste recital promovido pola Vicerreitoría do campus e no que este gaiteiro e experto en música tradicional estivo acompañado pola Banda de Música Cultural de Salceda. Un concerto que levou tamén ao escenario a 13 dos e as participantes na Aula Permanente de Música Tradicional do campus, integrantes do Grupo de Música Tradicional xurdido desta actividade formativa, así como ao seu docente, o gaiteiro Luís Sánchez Bolón, que interpretou dúas pezas conxuntamente con Vaamonde.

Un pasodobre composto por Vaamonde foi a peza escollida para abil un repertorio con arranxos do director da Banda de Música Cultural de Salceda, Juan Lois Diéguez, e composto na súa maioría por pezas populares, que pechou a interpretación de Se Chove, unha peza composta por Paulo Nogueira e Magoia Bodega de Treixadura, e que se completou así mesmo coa participación de dous bailadores. Máis de 20 instrumentos populares galegos foron empregados para pór sons a este recital que a Vicerreitoría impulsou neste 2019 por primeira vez co propósito de que se converta nunha cita fixa no calendario de actividades culturais do campus, que sirva á súa vez para levar ao escenario aos alumnos e alumnas da aula permanente, que desenvolve a súa actividade na Escola de Enxeñaría Forestal e da que forman parte tanto estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos da Universidade como persoas alleas á institución académica.