DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo do Día Mundial de Loita Contra o VIH/SIDA

Este xoves o campus de Pontevedra coñece "Como non se transmite a SIDA"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 28/11/2007
Encadradas nos actos de celebración do Día Mundial de Loita Contra o VIH/SIDA, no campus de Pontevedra desenvolveranse este xoves, varias actividades co obxectivo de sensibilizar á comunidade universitaria ante a problemática desta enfermidade. Trátase da xornada Como non se transmite o VIH/SIDA, na que profesionais especializados tartarán de espertar o intererese por esta enfermidade, transmitirán mensaxes de prevención e loitarán contra o rexeitamento e a discriminación.
O que se pretende conseguir con esta xornada é promover a reflexión ante as diferenzas que conleva ser enfermo de VIH/SIDA nun país do primeiro mundo e selo nos países en vías de desenvolvemento. Tamén sensibilizar aos universitarios da importancia do uso do preservativo nas relacións sexuais, como medio máis eficaz para a prevención da enfermidade e impulsar accións participativas ante este problema.
Nesta iniciativa, organizada pola Oficina de Voluntariado e Integración do campus e o Grupo de Voluntarios VIH/SIDA, tamén colaboran a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Centro Quérote (centro de asesoramento afectivo-sexual para mozos) e a biblioteca central do campus de Pontevedra.

Actividades previstas

Na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na de Ciencias Sociais e da Comunicación, ubicaranse mesas informativas, en horario de 10 a 13 horas, nas que se repartirán folletos e preservativos. Pola súa banda, a biblioteca central do campus colaborará entregando preservativos co préstamo de libros e tamén se procederá ao visionado de campañas e vídeos sobre VIH/SIDA nas diversas pantallas das facultades e das escolas universitarias.