DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será unha serie de webinars gratuítos que se desenvolverán a través de Campus Remoto

Xoves empregables: unha cita semanal para lanzar a carreira profesional do alumnado

Destinadas a estudantes e persoas recentemente tituladas, arrancan mañá día 10

Etiquetas
  • Estudantes
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/09/2020

A priori, a actual situación económica derivada da pandemia da covid-19 non semella o mellor momento para comezar a busca activa de emprego. Pero como caso todas as situacións adversas, esta tamén pode supor unha oportunidade para formarse, coñecer as novas necesidades dun futuro mercado laboral da era pos-coronavirus e mellorar a formación. Con esta idea, a Área de Emprego e Emprendemento decidiu poñer en marcha os Xoves Empregables, unha serie de seminarios web cunha periodicidade semanal destinados tanto a estudantes como a persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo.

As sesións, 12 en total, desenvolveranse todos os xoves ata finais do mes de novembro de xeito virtual a través de Campus Remoto e serán impartidas por mentores, coach, profesionais independentes e responsables de recursos humanos de empresas e organizacións, co obxectivo de ofrecer ás persoas participantes ”un programa formativo que lle proporcione ao alumnado ferramentas e competencias transversais para impulsar a súa empregabilidade”, como explica Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento.

A través de 12 sesións independentes e de balde, “terán a oportunidade de reflexionar sobre quen son, que retos laborais se presentan e como poden prepararse para afrontalos, mellorando así non só a súa empregabilidade, senón a súa propia marca persoal”, remarca a responsable da área. Ao longo das sesións, as e os participantes poderán afondar no autocoñecemento para saber en que ámbitos profesionais se poden aplicar mellor as competencias e o perfil profesional e aprender a desenvolver os factores resilientes que son os que axudan a superar as crisis. Por outra banda, traballarase coa marca persoal nas redes sociais e con ferramentas que permitan a consecución dun maior dominio sobre o tempo persoal e profesional. O estudantado e as persoas egresadas tamén deseñarán e planificarán a estratexia profesional e a marca persoal no contexto do emprego 2.0 e descubrirán a creatividade como unha ferramenta útil no proceso de busca de emprego. Outra das liñas de traballo será o emprendemento así como as novas tendencias do mercado laboral. Finalmente, tamén se analizarán as oportunidades que ofrecen as TIC para o traballo colaborativo e o traballo en remoto e os perfís profesionais mais demandados polas empresas.

O programa arranca xa este xoves

A primeira das xornadas será xa mañá xoves, de 16.00 h a 18.00 h, baixo o título Pon o foco no teu futuro e achégate aos teus talentos. O reitor será o encargado de inaugurar a xornada e dar paso á relatora, Isabel Bonet, licenciada en Pedagoxía e especialista en logopedia, con experiencia na dirección e xestión educativa no ámbito público. 

A próxima cita será con Pablo García Fortes, coach persoal e consultor en xestión e desenvolvemento de habilidades, formado na UVigo, cunha intervención que fará que as pesoas asistentes reflexionen sobre as súas capacidades e o seu potencial futuro.