Os conselleiros de Educación e Sanidade confían na xenerosidade para acadar un consenso
A Xunta avoga pola creación en Vigo e Coruña de unidades docentes integradas por profesores das tres universidades para descentralizar Medicina
Os conselleiros de Educación e Sanidade apelaron hoxe á “xenerosidade” e á "altura de miras” para acadar a mellor fórmula para a descentralización de Medicina, creando en Vigo e A Coruña unidades docentes nas que se integren profesores das tres universidades galegas. Román Rodríguez e Antonio Gómez Caamaño, nunha comparecencia pública celebra esta mañá en Santiago de Compostela, confirmaron os avances logrados polo grupo de traballo para a descentralización, que onte celebrou a súa terceira reunión, destacando a vontade do grupo en sentar as bases para ampliar a 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º, contando con unidades docentes na Coruña e Vigo nas que se integren docentes das tres institucións académicas.
Gómez Caamaño destacou a necesidade de aproveitar ao máximo a capacidade formativa e o talento que existe nos hospitais galegos e reiterou o interese da súa consellería en achegar todos os recursos humanos e materiais dos que dispón o Sergas para a mellor formación académica sanitaria. O titular de Sanidade da Xunta tamén insistiu na importancia de garantir a máxima calidade de formación aos máis de 1500 estudantes de Medicina.
Porcentaxes de reparto de docencia
Pola súa banda, o conselleiro de Educación manifestou que agarda que á volta de verán se poidan pechar as propostas concretas xurdidas do grupo de traballo, ao tempo que asegurou que cómpre que todo mundo ceda e colabore para acadar a mellor fórmula para Galicia, pero tamén para A Coruña, Santiago e Vigo.
O conselleiro de Educación que reiterou a aposta da Xunta pola descentralización de 4º, 5º e 6º, tanto na docencia práctica como da parte teórica, sinalou que no grupo de traballo haberá que concretar as porcentaxes de reparto da docencia cara a incrementar a porcentaxe que se establecía no convenio de 2015, fixada entón nun 15%. Ao longo do mes de agosto agárdase que se remate de perfilar a proposta e poder acordala á volta do verán no grupo de traballo. En calquera caso, advertiu Rodríguez que isto non afectará á investigación que se leva cabo nas universidades, o que supón que os e as docentes seguirán vinculados aos centros de investigación nos que desenvolven o seu labor na actualidade.
