DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración das I Xornadas de Medio Ambiente

Xunta, Concello e Universidade confirman o seu compromiso co medio ambiente

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 22/10/2007

"O campus de Ourense está á vangarda medioambiental do país”. Con estas palabras, o conselleiro de Medio Ambiente Manuel Vázquez inaugurou no edificio politécnico de Ourense as I Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia. A calidade dos ponentes conseguiu un enorme éxito de convocatoria, enchendo o salón de actos con máis de 500 inscritos, o que a confirma como a xornada máis numerosa das celebradas na facultade de Ciencias. O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez expresou o seu desexo de que o elevado número de inscritos non se debese ós dous créditos de libre elección, nin á gratuidade das xornadas ,senón ao compromiso co planeta que, segundo dixo, “non debe ser unha moda, é unha necesidade imperiosa. Recibimos un mundo que podemos e debemos criticar, pero sobre todo temos a obriga de mellorar”. Dentro deste deber, destacou o papel do campus de Ourense, moi comprometido co medio ambiente a través do proxecto Campus Terrae que promove múltiples medidas dentro do ámbito mediambiental.
Trala súa intervención, e as da decana de Dereito, Inés Iglesias, e o presidente de Syme, Asociación Medioambiental Universitaria, José Antonio Pérez, tomou a palabra o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez Fernández que sinalou a responsabilidade do concello en política medioambiental como instrumento de xestión do crecemento, desenvolvemento e sustentabilidade de xeito sensible e respectuoso.

Intervención do conselleiro

As xornadas quedaron inauguradas oficialmente co discurso do conselleiro de Medioambiente, Manuel Vázquez, que apuntou que o compromiso de Galicia co entorno non só se fai presente con iniciativas coma o Máster en Dereito Ambiental e Urbanístico, senón que representa unha asignatura cotiá para todos nós e un novo modelo de entender a vida que se reflicte na política “de accións horizontais para todos os horizontes do futuro”.
Apuntou tamén que esta mesma mañá se presentou o novo Plan Galego de Residuos que pretende convertir a xeración de residuos en aproveitamento de materias primas y destacou que o gran parque empresarial do país neste ámbito será o de Ourense.