DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinbio percibirá preto de 700.000 euros; CIM 377.777 e atlanTTic 302.222

A Xunta destina preto de 1,4 millóns de euros aos centros de investigación acreditados da UVigo 

Tamén recibirá 1,2 millóns para financiamento de servizos e infraestruturas científico-tecnolóxicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 13/12/2022

Preto de 1,4 millóns de euros recibirán da Xunta de Galicia os centros de investigación acreditados da UVigo: Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas), CIM (Centro de Investigación Mariña) e atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), unha contía, segundo confirma a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, similar á que estaban a percibir anualmente, pero calculada para 10 meses, ata o momento no que se publique a nova convocatoria de axudas e tendo en conta a avaliación cualitativa do seu funcionamento actual. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinou esta mañá con reitores da universidades de Vigo, Santiago e A Coruña varios acordos que permitirán inxectar nos centros de investigación acreditados case 9 millóns de euros, dos que case 5 son para manter a súa actividades investigadora e outros 4 destínanse a diversos gastos e pequeno equipamento dos servizos de investigación universitarios. Por este concepto a UVigo percibirá 1,2 millóns de euros.

O conselleiro destacou que “nos últimos tres anos os Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) lograron uns datos verdadeiramente notables, cunha repercusión positiva próxima aos 80 millóns de euros en proxectos competitivos e con preto de 1800 investigadores e investigadoras traballando neles. Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estes polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”, dixo o titular de Universidades da Xunta.

En total son oito os centros acreditados que se beneficiarán da inxección económica do goberno galego: o CIQUS (Centro Singular de Investigación en Quimica Biolóxica e Materias Moleculares), CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular), CITIUS (Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) da Universidade de Santiago; o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade de A Coruña e atlanTTic, CIM e Cinbio da Universidade de Vigo. “Os convenios que hoxe asinamos son un compromiso claro e decidido polo modelo de investigación universitaria”, asegurou Román Rodríguez , que explicou que buscan “ofrecer ferramentas e recursos para ampliar a súa base de talento. O compromiso da Xunta é o de facilitar a obtención de resultados en investigación e innovación que permita consolidar a nosa posición referencial, ademais de mellorar o rendemento económico, científico e tecnolóxico de Galicia”, afirmou.

Contías destinadas aos centros da UVigo

O convenio asinado hoxe sinala que os importes consignados aos centros de investigación acreditados da Universidade de Vigo son: 690.972 euros para o Cinbio; 377.777 euros para o CIM e 302.222 para atlanTTic. Pola súa banda, o CIQUS é o máis cartos percibe cun total de 823.488 euros, seguido do IGFAE con 795.091 euros. No período 2016-2022, os oito centros de investigación acreditados do SUG recibiron arredor de 30 millóns de euros ao abeiro da primeira convocatoria de axudas que a Xunta destinou de forma específica ao seu funcionamento.

1.2 millóns de euros para a UVigo para financiamento de servizos e infraestruturas

Conselleiro e reitores tamén asinaron este martes outra colaboración, por importe de 4 millóns de euros, para financiar o funcionamento dos servizos e infraestruturas científico-tecnolóxicas das universidades, o que abrangue, tanto a contratación de persoal, como diversos gastos (electricidade, seguridade, mantemento…), compra de pequeno equipamento inventariable, licenzas e renovación de licencias de software ou adquisición de material funxible e consumibles en xeral.

A UVigo percibirá por este concepto 1,2 millóns de euros; Santiago 1,6 e A Coruña 1,1. A distribución realízase en función do persoal docente e investigador total por universidade.