DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha unidade mixta, froito dun convenio entre a Universidade e Medio Rural

Xunta e EE Forestal impulsan un proceso participativo para elaborar a futura lei de prevención de incendios

Prevén reunir as opinións de máis de 200 axentes do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/11/2020

Impulsar un proceso participativo que permita reunir as opinións de máis de 200 axentes do sector de cara a elaboración da futura lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ese é propósito da unidade mixta impulsada, a través dun convenio, pola Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, que este venres celebrou a primeira dunha serie de reunións con representantes da Consellería do Medio Rural, do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e membros do Consello Forestal de Galicia. Coordinada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e a Escola de Enxeñaría Forestal, ten como obxectivo xerar “unha reflexión previa, con moita participación”, da que poidan saír “unha serie de directrices e conclusións” que sirvan como base para a elaboración dunha nova lei, segundo explicou o director deste centro, Juan Picos.

Presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, con Picos como secretario, esta unidade mixta de investigación busca xerar “un debate de fondo” respecto dunha problemática, a dos lumes forestais, “que todas as evidencias indican que imos seguir sufrindo, incluso cos riscos acrecentados, debido tanto a cambio climático como os cambios sociodemográficos”, salientou o director da EE Forestal. “Creo que a confianza da Consellería do Medio Rural e da Dirección Xeral de Defensa do Monte con esta Universidade e concretamente coa Escola de Enxeñaría Forestal, é algo de agradecer”, engadiu Picos respecto dun proxecto que define como “un reto, no que se nos pide que canalicemos, cunha certa metodoloxía, un proceso de reflexión aberto”.

Máis de 200 participantes no proceso

A coordinación científica desta unidade corresponde ao ex-director do Departamento de Incendios do Centro de Investigación Foretal (CIF) de Lourizán e ex-profesor da EE Forestal José Antonio Vega, xunto co representante da Consellería, o subdirector Iñaki Bergaretxe, e un “equipo de dinamización” integrado por Picos e polos investigadores Enrique Jiménez, do CIF de Lourizán, e Stefano Arellano, da Universidade de Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, a unidade contará, para cada un dos seus bloques de traballo, coa colaboración de expertos das tres universidades galegas e do CIF de Lourizán, á vez que coa participación de nove representantes da Consellería do Medio Rural, trece do Consello Forestal de Galicia e outros 18 pertencentes ás asociacións profesionais e sindicatos conformados por persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A esta serie de axentes sumaranse ademais as opinións que, para cada un dos bloques nos que se estrutura o traballo desta unidade mixta, poidan reunirse a través dunha serie de enquisas que se distribuirán entre 46 membros do Consello Forestal, 46 representantes da Consellería e 111 integrantes dos sindicados e asociacións profesionais. Da coordinación do equipo enquisador encárgase o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e responsable do grupo G4+, Pedro Figueroa, de tal xeito que, como sinala Picos, este proxecto “supón tamén un reforzo da colaboración entre centros e disciplinas do propio Campus Crea”.

Catro bloques de traballo

Nunha serie de reunións previas, a unidade definiu en primeiro termo catro bloques de traballo, aos que van sumando a colaboración de diferentes expertas e expertos, como foron no caso da xuntanza desta xornada os profesores da Universidade da Coruña Javier Sanz Larruga e Juan Jesús Raposo. O reparto de competencias entre administracións foi nese senso o núcleo desta primeira xuntanza, levada a cabo de xeito virtual, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, dada a situación sanitaria xerada pola covid-19. Segundo explicou Picos, trátase do primeiro dos catro encontros dirixidos a debater cos axentes do sector a proposta de enquisa que, coas súas achegas, trasladarase posteriormente a preto de 200 persoas. 

Este proceso repetirase, explica Picos, en cada un dos catro bloques de traballo, de tal xeito que “ao acabar o proceso teremos feitas máis dun milleiro de enquisas, cada unha delas previamente validada cos diferentes axentes”. As actuacións preventivas sobre o territorio e sobre a poboación, que abranguen desde accións de sensibilización a iniciativas de mobilización de terras, recuperación de cultivos e plans silvopascícolas centran o segundo bloque de traballo deste proxecto. O terceiro porá o foco nas limitacións aos usos e actividades no monte en relación cos incendios e os terreos queimados, así como na regulación das queimas controladas e na restauración das zonas afectadas, mentres que a extinción, vixilancia e detección dos lumes serán o núcleo da cuarta liña de análise.

Coas conclusións de cada bloque elaborarase un documento da peche con vistas a redacción da nova lei, co propósito, segundo sinalou a Xunta, de “ter listo un texto articulado de consenso no primeiro semestre de 2021”.