Nunha xuntanza mantida este venres en Ferrol
A Xunta e os tres campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia buscan crear sinerxías no eido da investigación
A Vicerreitoría do Campus de Ferrol acolleu este venres unha reunión de traballo entre a Xunta de Galicia e os tres campus de especialización acreditados do Sistema Universitario de Galicia: o Campus Industrial de Ferrol, o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense. O seu obxectivo foi avanzar na cooperación mutua e no intercambio de estratexias co fin de aproveitar ao máximo as súas potencialidades.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, presidiu a xuntanza, á que asistiron en representación da Universidade de Vigo o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; da Universidade da Coruña estiveron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez; e por parte da Universidade de Santiago de Compostela a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López.
Trátase, segundo especificou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, de avanzar na definición de accións conxuntas “que permitan sumar capacidades e xerar sinerxías no ámbito da investigación” e, así mesmo, “evitar duplicidades” nas liñas de actuación. Segundo sinalou esta cooperación busca reforzar o papel dos campus non centrais, potenciar as súas fortalezas e consolidalos como referentes en ámbitos estratéxicos, contribuíndo así ao fortalecemento do Sistema Universitario de Galicia.
O programa de especialización dos campus foi posto en marcha pola Xunta en 2013 e inclúe a concesión dunha acreditación de especialización como selo de excelencia. Desde entón, o Goberno galego leva investidos máis de 35 millóns de euros nos convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Grazas a este apoio, indican desde a goberno autonómico, os tres campus contan con financiamento específico e actuacións propias para mellorar a súa calidade docente e investigadora, reforzar o seu posicionamento e exercer un papel activo como dinamizadores do territorio.
Tras a reunión, as e os participantes visitaron algunhas das principais instalacións do Campus Industrial de Ferrol, entre elas o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais.
