Nunha visita do secretario xeral de Universidades celebrada este mércores
A Xunta pon en valor a traxectoria das titulacións que se imparten na Facultade de Historia
A Facultade de Historia do campus de Ourense recibiu este mércores a visita do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez. Nela, tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións, titulacións e retos deste centro.
Na visita participaron por parte da Universidade de Vigo Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, e Julio Prada, decano da Facultade de Historia. O secretario xeral estivo ademais acompañado, por parte da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de Beatriz Soutelo, subdirectora xeral de Universidades, e Lourdes Rodilla, xefa do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario. O percorrido arrancou no Edificio de Ferro do campus, onde ten a súa sede a Facultade de Historia, e continuou por outros edificios universitarios, como o Politécnico, co obxectivo de que o equipo da Xunta puidese coñecer de primeira man non só instalacións senón tamén a vida universitaria que nelas se desenvolve.
O secretario xeral de Universidades destacou na súa visita a traxectoria das titulacións que se imparten nesta facultade, todas con máis de dez edicións ás súas costas, e puxo en valor que arredor de 300 estudantes elixiron este centro para a súa formación. José Alberto Díez recordou que, desde este curso, Galicia é a primeira comunidade en implantar a matrícula gratuíta para todos os universitarios e universitarias que aproben, medida da que se benefician 20.000 mozas e mozos, e animou, indican en nota de prensa desde a Consellaría, “a futuros estudantes a matricularse nas titulacións da Facultade de Historia, que leva anos formando a numerosos alumnos, facilitando a coordinación con outras institucións do Sistema Universitario Galego e adaptándose aos novos tempos”.
Recoñecemento ao esforzo en captación
Por parte da Universidade, os vicerreitores e decano presentes coincidiron en agradecer esta visita subliñando a oportunidade que ofrece aos centros de trasladar as súas realidades e necesidades aos responsables institucionais. Na Facultade de Historia, lembrouse no percorrido, impártense na actualidade o Grao de Xeografía e Historia, o programa conxunto deste grao e o Grao de Turismo, un Mestrado Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e outro en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, ademais do programa de doutoramento.
Respecto a esta oferta, Julio Prada destacou o esforzo en captación de alumnado feito ao longo dos anos pola Facultade de Historia e que permite agora ás súas titulacións cubrir as súas expectativas de matriculación. Igualmente trasladou a importancia de continuar nas liñas de traballo abertas e co compromiso de equilibrio entre as distintas universidades galegas en canto a número máximo de alumnado. A Facultade de Historia, engadiu Alfonso Lago, é un exemplo de como “titulacións que hai poucos anos tiñan problemas de captación de alumnado agora enchen as súas prazas en primeiro ou segundo chamamento, con bos resultados tamén en mestrado” e puxo en valor o esforzo levado a cabo polo centro e os seus sucesivos decanatos para acadar este obxectivo.
Durante o percorrido polas instalacións universitarias, Francisco Javier Rodríguez Rajo tamén tivo a oportunidade de comentar cos membros da consellaría algúns dos grandes retos do campus de Ourense, como a construción do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o desenvolvemento do proxecto de especialización Campus Auga, acreditado pola Xunta de Galicia, e as necesidades de espazos. “Agradecemos enormemente esta visita e a oportunidade que nos dá de dar a coñecer de primeira man a realidade do noso campus, neste caso da Facultade de Historia, da que estamos moi orgullosos”, afirmou.