DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado e profesionais participaron nunha xornada inserida no programa ‘#ElasXeranSector’

A Xunta promove na EE Forestal un encontro dirixido a conectar estudantado e industria 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/09/2022

Profesionais da industria forestal e da madeira e estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal participaron este xoves no centro do campus pontevedrés no encontro trimestral de #ElasXeranSector, o programa de visualización do talento feminino nesta industria impulsado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), da Xunta de Galicia. O obxectivo desta xornada, segundo informaron desde a Consellería do Medio Rural, era o de “achegar a industria ao alumnado, tecendo redes de colaboración xa dende a etapa formativa”. Enmarcada nun programa no que están implicadas 200 persoas, esta xornada buscou vincular industria e formación a través de “dous programas específicos deseñados para fortalecer esta interconexión”, como explicou o Goberno galego.

Por unha banda, neste encontro presentouse “un programa formativo centrado na pedagoxía forestal”, que abrirá a súa inscrición nos próximos días e dirixido a aquelas persoas que “desexen traballar na divulgación da industria forestal-madeira, explicando a súa contribución á neutralidade climática, o benestar das persoas e a xeración de emprego, especialmente no eido rural”. A continuación, Silvia Negreira, subdirectora xeral de Programas de Asesoramento para a Xuventude da Xunta presentou o programa Xuventude Mentoring, dirixido a “favorecer a transición á vida laboral da mocidade con estudos de grao ou formación profesional”. Esta iniciativa, segundo salientou a Xunta, foi “acollida por interese” polas persoas participantes en #ElasXeranSector, “que se ofreceron para mentorizar ao estudantado de Enxeñaría Forestal”. Por último, o encontro pechouse cun tempo dedicado á “cocreación e definición de distintos obxectivos dentro do programa”, como o reforzo da campaña #ACTÚAexs, que ten como obxectivo o impulso de accións que contribúan a visualizar o papel das mulleres na cadea de valor forestal-madeira.

O encontro contou coa participación do director de Xera, Jacobo Aboal, que destacou “o interese e necesidade do sector de incorporar novas vocacións que impulsen a modernización e a competitividade da industria forestal-madeira”.