Cun investimento que supera os 35 millóns, atraerá talento investigador de alto nivel
A Xunta reúnese cos reitores das universidades galegas para comezar a planificar a nova Fundación Galtia
UVigo, USC e UDC serán algunhas das institucións que poderán recibir os científicos
As universidades do Sistema Galego (SUG) foron hoxe as primeiras institucións convocadas pola Xunta para planificar a nova fundación destinada a atraer a Galicia talento investigador de alto nivel que traballa noutros países. Cun investimento de máis de 35 millóns de euros e o obxectivo de captar unha trintena de investigadoras e investigadores de máximo prestixio internacional, a creación da Fundación Galtia foi aprobada o pasado luns no Consello da Xunta.
Este mércores foi o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, quen mantiveron unha xuntanza de traballo cos reitores das universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López e da Coruña, Ricardo Cao, iniciándose así unha rolda de contactos que ten o obxectivo de planificar e activar a nova fundación, da que as institucións académicas poderán beneficiarse.
Integración do persoal investigador nos centros CIGUS
A Fundación Galtia prevé captar, nos próximos cinco anos, 30 investigadores e investigadoras de máximo prestixio internacional co obxectivo de fornecer o talento vinculado á I+D+i, atraendo profesionais que sexan referentes en áreas de coñecemento estratéxicas para Galicia. Este persoal investigador integrarase en centros e unidades xa existentes, entre os que se atopan os centros de investigación universitarios da Rede CIGUS, para reforzar o traballo actualmente en marcha.
A nova Fundación prevé un retorno económico estimado de 117 millóns de euros, o que supón triplicar a achega pública realizada, e a Xunta pretende poñela en marcha establecendo un diálogo co ecosistema galego de I+D+i para aliñar as futuras actuacións coas necesidades e aspiracións da comunidade científica galega. Deste xeito, o executivo autonómico considera que se asegurará unha integración harmónica e o máximo aproveitamento de sinerxías para impulsar a excelencia e a competitividade como obxectivos básicos da nova fundación. Dentro deste calendario de traballo, dedicarase este ano ás tarefas necesarias para o arranque da fundación e para preparar a primeira convocatoria de captación en 2026.