DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa reunión de traballo centrada nas actuacións preventivas

Xunta e Universidade avanzan na elaboración da futura lei de defensa contra os lumes forestais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/12/2020

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo continúan desenvolvendo un proceso de traballo participativo de cara a elaboración da futura lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais. A unidade mixta que coordinan a Escola de Enxeñaría Forestal e a Consellería do Medio Rural vén de celebrar unha nova xuntanza de traballo, que tivo como obxecto analizar diferentes aspectos técnicos relacionados coas actuacións en materia de prevención. Nesta xuntanza participou persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería, expertos da Universidade e representantes do sector forestal e tivo como obxecto coñecer aspectos técnicos relacionados coas actuacións preventivas.

O obxectivo deste “proceso participativo”, impulsado a través do convenio asinado entre Xunta e Universidade, é xerar un “unha reflexión aberta”, da que poidan saír “unha serie de directrices e conclusións” que sirvan como base para a elaboración da nova lei, explicou Juan Picos, director da EE Forestal e secretario desta unidade mixta. Con ese obxectivo, a unidade que ten como coordinador científico ao ex-director do Departamento de Incendios do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e ex-profesor da escola do campus pontevedrés, José Antonio Vega, prevé reunir as opinións de máis de 200 axentes do sector.

Catro bloques de traballo

Con ese propósito de reunir as opinións de múltiples expertos e axentes do sector, o proceso de traballo dividiuse en catro bloques temáticos, abordados noutras tantas reunións. Así, nesta segunda xuntanza analizouse o relacionado con aspectos como a elaboración do desenvolvemento normativo ou as técnicas innovadoras de planificación relacionadas coa prevención dos incendios forestais. A través dunha nova enquisa, enviada ao sector, determinaranse aspectos fundamentais para unha correcta prevención dos montes de Galicia, tendo en conta o carácter privado dos terreos forestais, entre outros asuntos, segundo informou á Consellería do Medio Rural.

Esta xuntanza dá continuidade á reunión celebrada no mes de novembro, na que se analizou a repartición de competencias entre administracións no que atinxe á prevención e extinción dos lumes, o primeiro dos catro bloques temáticos nos que se estrutura o proceso. En próximos encontros abordaranse as limitacións de usos e actividades no monte en relación cos incendios forestais, incluíndo a regulación dos usos do lume; e, no cuarto bloque, analizarase a extinción de incendios, incluíndo a vixilancia e a detección, a investigación de causas e a formación, tendo en conta ademais os efectos do cambio climático.

Un proceso participativo

Preto de 40 expertos e profesionais participan en cada unha das reunións dirixidas a avaliar a temática correspondente a cada bloque e elaborar unha enquisa que se distribúe entre as 203 persoas que integran o denominado grupo ampliado, integrado por 46 membros do Consello Forestal de Galicia, 46 representantes da Consellería do Medio Rural e 111 integrantes dos sindicatos e asociacións profesionais. Da coordinación do equipo enquisador encárgase o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e responsable do grupo G4+ (Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios), Pedro Figueroa.

Coas conclusións de cada bloque, tras avaliar os resultados obtidos nas máis de mil enquisas que se realizarán en total, elaborarse un documento de base final de cara á reacción da nova lei, con vistas, segundo destaca a Consellería, “a ter un texto articulado de consenso no primeiro semestre de 2021”.