DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O delegado territorial Luis López realizou unha visita a diferentes centros

Xunta e Universidade reafirman a súa colaboración para impulsar o crecemento do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/09/2022

Coñecer de primeira man as instalacións das diferentes facultades e escolas e pór de relevo a “forte colaboración” entre o Goberno galego e a Universidade foron os obxectivos centrais da visita institucional que o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou este xoves ao campus pontevedrés. A administración autonómica “vai estar sempre apoiando este espazo académico para que siga avanzando e mellorando”, salientou López ao inicio dunha visita na que estivo acompañado pola vicerreitora Eva Lantarón e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres.

“A colaboración entre institucións é indispensable”, sinalou Lantarón, que lembrou que a UVigo atópase nun “momento crucial”, no que as universidades galegas e a Xunta traballan tanto na negociación do novo mapa de titulacións, que agarda permita implantar algún novo grao en Pontevedra, como dun plan de infraestruturas, “que é tamén algo primordial polas necesidades de crecemento que ten este campus”. Así mesmo, a vicerreitora subliñou tamén a súa vontade de que esta “liña de colaboración” coa administración galega continúe no futuro no proceso de acreditación do campus de especialización Crea, que se acometerá tras o do Campus da Auga de Ourense e que “esperamos ter nun par de anos. E para iso é indispensable a colaboración da Xunta”, subliñou.

“O desenvolvemento deste campus foi espectacular nos seus trinta anos de historia e dende a Xunta imos seguir apoiándoo e traballando en común, xa que se a universidade avanza, toda Galicia avanza con ela”, salientou López, que lembrou que na actualidade máis de 3000 alumnos fórmanse nun campus que neste curso 2022/2023 incorporaba a súa oferta académica o novo mestrado en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia. De feito, xunto coa Escola de Enxeñaría Forestal e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, López visitou o centro no que esta semana se puña en marcha, con doce estudantes, este novo mestrado, como puido coñecer no encontro coa súa coordinadora, a profesora Rocío Abalo.