Estará presidido polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa
Xunta e universidades crean un grupo de traballo para actualizar o acordo de 2015 sobre o Grao en Medicina
Así o acordaron conselleiros de Educación e Sanidade e reitores no Consello de Docencia Clínica
Crear un grupo de traballo para actualizar e potenciar o acordo de 2015 sobre o Grao de Medicina é o acordo ao que este mediodía chegou a Xunta cos reitores da universidades de Vigo, Santiago e A Coruña no Consello de Docencia Clínica celebrado na Cidade de Cultura. Os titulares de Educación, Román Rodríguez, e Sanidade, Antonio Gómez Camaño, sinalaron que as partes coinciden na necesidade de afondar, desde unha posición de consenso, no pacto acadado en 2015. Neste sentido, o novo documento debe partir do mesmo espírito de cooperación para facer os axustes necesarios e mellorar a súa concreción teórica e práctica e as medidas relativas á descentralización teórica e clínica, co obxectivo é integrar no sistema educativo toda a potencialidade dos profesionais Servizo Galego de Saúde e dos diferentes hospitais.
Segundo o acordado na reunión, o grupo de traballo terá nove membros, estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e contará coa participación dos outros dous reitores ou das persoas nas que deleguen. Participarán tamén o decano da Facultade de Medicina, José Carreira Villamor; a vicexerente do Sergas, Carmen Balboa; tres sanitarios das áreas sanitarias da Coruña, de Santiago e de Vigo, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, establéndose un cronograma específico para avanzar nas diferentes áreas de traballo.
Valoracións de Xunta e reitores
Para Román Rodríguez o acordo acadado hoxe “é un bo paso e un bo principio para empezar a traballar nun aspecto que é vertebral para garantir unha boa docencia no Grao en Medicina e que nos vai permitir recuperar o espírito do acordo de 2015 e mellorar tanto a concreción teórica do mesmo, como a práctica e o desenvolvemento desde acordo”. Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade puxo de manifesto o interese das partes participantes na reunión en solucionar o problema e reiterou que o seu obxectivo “é que os médicos que se formen en Galicia teñan a mellor formación posible, as mellores infraestruturas e sobre todo os mellores profesionais sanitarios”. Ambos os dous titulares da Xunta agradeceron a colaboración dos reitores e amosaron o seu desexo de que a comisión acade canto antes acordos.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, reiterou que “a mellor solución é a que puxemos enriba da mesa” e que “o convenio asinado en 2015 aplicouse de xeito moi feble en 10 anos”. Cao asegurou que están totalmente dispostos a participar e dialogar no grupo de traballo para mellorar a docencia clínica como sistema en Galicia, “sen abandonar a nosa posición, que é a mellor para o sistema”, polo que manterán a súa solicitude de ter unha facultade de Medicina, “abofé, denodadamente”, asegurou o reitor coruñés.
Mentres, o reitor da USC, Antonio López, insistiu na posición da súa institución de traballar “tendo unha única facultade e unha única titulación, contando con todo o sistema sanitario galego, que é moi bo, para a formación dos nosos estudantes e de todos os profesionais”. López, que asegurou que sería “incoherente” traballar na descentralización mentres se mantén a petición dunha nova facultade, afirmou que “imaxino que se hai algún acordo será a costa de que non haxa proxecto dunha nova facultade de Medicina”.