DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As institucións académicas desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado 

Xunta e universidades galegas colaborarán na prevención e loita contra a violencia de xénero

Alfonso Rueda asinou hoxe tres convenios de colaboración cos reitores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 21/05/2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este mediodía tres convenios de colaboración cos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López e A Coruña, Julio Abalde co obxectivo de colaborar na prevención e erradicación da violencia de xénero. Estes acordos, dotados con 100.000 euros cada un, permitirán ás universidades desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en concreto a posta en marcha de actuacións relacionadas con dous eixos: o de sensibilización e prevención, e o de visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres. Esta nova colaboración complementa o traballo que están a realizar as universidades a través das súas respectivas oficinas de igualdade, así como outras actuacións que xa executaban en colaboración coa Xunta, como as xornadas contra a violencia sexual.

Coa sinatura destes convenios, o executivo galego reforza o seu compromiso transversal coa execución do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un marco no que  xa se asinaron outros acordos para poñer en marcha actuacións específicas en eidos como a cultura, o turismo, a educación, a vivenda, o deporte, as políticas sociais ou o medio rural.