DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Consellería de Educación creará unha comisión interdisciplinar para preparar o ano académico 20-21

Xunta e universidades porán en marcha no próximo curso un certificado sanitario para os centros

Escolas e facultades poderán ter docencia mixta para facer fronte a situacións como a crise da COVID

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 06/05/2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, constituirá nas próximas semanas unha comisión interdisciplinar para preparar o próximo ano académico no Sistema Universitario de Galicia e abordar un plan integral de reforzo á docencia para o curso 2020-21. O obxectivo é crear, por primeira vez en Galicia e no conxunto do sistema universitario español, centros con certificado sanitario e con docencia mixta que sexan referentes de calidade en todo o territorio nacional e que estean preparados ante escenarios futuros semellantes á crise da COVID-19. Así llo anunciou este mércores a conselleira, Carmen Pomar, aos reitores das tres universidades galegas, Manuel Reigosa (UVigo), Antonio López (USC) e Julio Abalde (UDC),  nunha reunión celebrada por videoconferencia.

Esta comisión interdisciplinar estará composta polas tres universidades xunto con representantes do Sergas, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e servirá tamén para anticiparse ás necesidades que se poidan producir no inicio e transcurso do ano académico 2020/2021. O obxectivo é avaliar todos os escenarios posibles que se poidan producir tanto no inicio como no transcurso do curso universitario 2020/2021, anticiparse ás necesidades imprevistas que poidan xurdir e prever posibles solucións. Deste xeito a Xunta busca traballar de forma conxunta e coordinada cos axentes implicados para salvagardar a normalidade e o correcto desenvolvemento das institucións que constitúen o motor de coñecemento de Galicia e que son fundamentais na formación das xeracións que a liderarán no futuro. 

Un selo de seguridade sanitaria e de centro de innovación

A posta en macha deste plan integral de reforzo á docencia permitirá que as universidades poidan realizar un cambio á docencia mixta ou blended learning para un conxunto de centros. Isto suporía a modificación estrutural das metodoloxías docentes, da formación do profesorado ou a potenciación definitiva das avaliacións continuas, entre outros temas.

Para formar parte desta experiencia piloto, as tres universidades deberán presentar a finais deste mes as escolas e facultades interesadas en entrar a formar parte do programa. Tanto as titulacións que impartan como os propios centros recibirían selos de seguridade sanitaria e de centros de innovación educativa. Así mesmo, o seu profesorado adquiriría recoñecemento académico como mérito relevante para os complementos retributivos. A Xunta de Galicia apoiaría o programa a través da sinatura de convenios coas universidades este verán para que reciban o financiamento necesario para afrontar estes gastos, como por exemplo, de cara á mellora de infraestruturas. Os centros que participen, remarca a conselleira, serán a imaxe dunha universidade renovada e de centros de calidade, polo que a colaboración redundará nun beneficio conxunto do sistema.

Os exames presenciais, só en casos excepcionais

Por outra banda, esta nova reunión de coordinación entre Consellería e reitores serviu para facer balance das actuacións desenvolvidas polas universidades ata o momento para facerlle fronte á crise da COVID-19. Neste sentido, a conselleira felicitou a Reigosa, Abalde e López polo esforzo realizado nas últimas semanas para ofrecerlle o maior grao de certeza posible ao alumnado, nunhas circunstancias que son descoñecidas para todos. Pomar recordou que estas mesmas circunstancias deben ser tidas en conta á hora de avaliar o alumnado, ao igual que o serán no resto das ensinanzas, e confirmou coas universidades que os exames presenciais se realizarán só en casos excepcionais.

A xuntanza aproveitouse tamén para confirmar a chegada á ACSUG e á Consellería das modificacións das guías docentes feitas polas universidades, xa que hoxe mércores era a data límite. Así mesmo, a conselleira propúxolles aos reitores continuar mantendo a periodicidade destas reunións de coordinación (esta é a terceira que se celebra). “Manter actuacións conxuntas e consensuadas, que se adaptan despois ás peculiaridades de cada universidade, supón un beneficio mutuo”, apuntou.