DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres reitores mantiveron unha xuntanza cos conselleiros de Cultura e Turismo e Educación

Xunta e universidades unirán esforzos na organización do Xacobeo 2021

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 13/02/2019

Os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reuníronse cos reitores das universidades galegas, Manuel Reigosa, de Vigo, Antonio López, de Santiago e Julio Abalde, da Coruña, co fin de involucrar as institucións académicas na organización do Xacobeo de 2021. Este encontro serviu para plantexar liñas de colaboración coas tres institucións académicas galegas co obxectivo de sumar a súa participación na organización do vindeiro Ano Santo e que, ademais, poidan facer as súas achegas ao Plan Estratéxico do Xacobeo que comezará a redactarse en breve. 

Segundo explicou o titular de Cultura e Turismo, a colaboración coas tres universidades galegas permite afondar nunha liña de traballo “de grande interese e impacto positivo” que ofrece a posibilidade de pór en marcha congresos universitarios de carácter internacional. Á reunión tamén asistiron os secretarios xerais técnicos das Consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Manuel Vila e Jesús Oitavén, así como a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira.