DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha adenda ao convenio subscrito en 2020

A Xunta e as universidades de Vigo e Santiago renovan a súa colaboración para o impulso do Inventario Forestal Continuo de Galicia

A administración galega financiará con preto de 500.000 euros as novas actuacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/01/2023

As universidades de Vigo e Santiago de Compostela asinaron en 2020 un convenio coa Xunta de Galicia para desenvolver o primeiro Inventario Forestal Continuo de Galicia, dirixido a achegar unha información precisa e actualizada tanto da cantidade de madeira presente nos montes da comunidade como da súa calidade. Este traballo, que na UVigo coordina a Escola de Enxeñaría Forestal, continuará desenvolvéndose os próximos dous anos, grazas á adenda ao convenio asinada pola Consellería do Medio Rural, que amplía a súa vixencia ata 2024 e pola que a administración galega realizará unha nova achega de 530.380 euros, dirixida a financiar as actuacións correspondentes ás anualidades de 2023 e 2024.

A esta contía engádense as achegas que, para estas dúas anualidades, realizarán a UVigo e a USC, por un importe conxunto de 39.680 euros, o que fai que o orzamento conxunto do convenio supere o millón de euros no período 2020-2024, segundo informou este martes Medio Rural. A ampliación e mellora deste convenio, sinala a Consellería, permitirá que nos próximos meses Galicia conte “cun mapa forestal preciso, que recollerá a superficie total forestal presente na nosa comunidade”. 

Primeiros resultados xa dispoñibles

No marco deste convenio, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron no desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite. A metodoloxía deseñada, que permite a detección automática dos usos e mesmo das especies arbóreas presentes en cada parcela forestal, foi aplicada en primeiro termo para xerar mapas cartográficos de cinco concellos (Oia, Laza, Alfoz, Abegondo e Carral) e o propósito deste proxecto é ampliala agora ao conxunto de Galicia.

De feito, como lembra a Consellería, os resultados destes traballos xa están dispoñibles nun portal web realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, onde a cidadanía pode acceder a un visor cartográfico ou descargar diferentes datos. De xeito paralelo, informa Medio Rural, “estanse elaborando de maneira continuada resultados en forma de mapas e de datos” provenientes das parcelas de inventariado nas que as brigadas da empresa pública Seaga realizan as tomas de datos seguindo os protocolos establecidos polos investigadores das dúas universidades.

Coa participación dos investigadores da EE Forestal Julia Armesto, Juan Picos, Laura Alonso, Andrés Rodríguez e Fernando Costas, estes traballos buscan dar resposta ás características dun monte moi fragmentado e con altas taxas de cambios, xerando por unha banda unha cartografía forestal de alta resolución, que permite diferenciar usos e as especies presentes en cada parcela. Esta permite identificar, dunha forma automatizada, se o que se atopa en cada superficie son masas de coníferas ou frondosas, matos, pastos cultivos ou unha superficie artificial. De xeito paralelo, o traballo con fontes cartográficas de media resolución fai posible unha “análise multitemporal”, coa que detectar cortas ou masas de arborado en rexeneración. Estas cartografías combínanse á súa vez neste inventario cos traballos centrados nos modelos de estimación de variables como o volume de madeira existente que desenvolven os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. 

Unha “ferramenta esencial” para a toma de decisións”

Como lembra Medio Rural, a posta en marcha deste inventario responde ao mandato parlamentario realizado en 2018 pola Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, que sinalaba a necesidade de crear “un sistema de información e estatística forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector”. De feito, unha vez iniciados os traballos, a Consellería e as universidades trasladaron ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia unha enquisa electrónica “co fin de coñecer as solucións e requirimentos técnicos” que desexaban que se incorporasen a este inventario.