DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concurso ‘Univisión’, no que participaron máis de 40 estudantes do CEIP A Xunqueira I

Un xurado infantil avalía os vídeos musicais do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte 

O premio foi para Lucía Vázquez e Elena Ferreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/12/2022

Un total de 44 alumnos e alumnas do CEIP A Xunqueira I exerceron este martes como xurado dun concurso de talentos da man de Univisión, unha iniciativa promovida pola docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a profesora deste colexio Carmen Quinteiro que leva ao alumnado universitario a interpretar unha serie de cancións en inglés, coas súas correspondentes coreografías, nuns vídeos aos que poñen nota nenos e nenas. A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu nesta xornada a final desta iniciativa, na que as votacións de 29 alumnos de segundo de primaria e 15 de sexto de infantil levaron a outorgar o primeiro premio deste concurso a Elena Ferreiro e Lucía Vázquez, pola súa interpretación da canción Gitche gitche goo, da serie de animación Phineas and Ferb.

Un total de 40 estudantes do Grao en Educación Primaria participaron por parellas nun concurso que se insire nas actividades da materia Lingua inglesa e a súa didáctica e que deu lugar á realización de 20 vídeos que, en primeiro termo, foron avaliados nas aulas polos nenos e nenas do CEIP A Xunqueira. Estas primeiras votacións que, como explicou Quinteiro, resultaron “moi difíciles” determinaron os dez traballos finalistas que nesta xornada se proxectaron na EE Forestal, acompañados das propias valoracións en vídeo que os nenos e nenas realizaran nas aulas. 

Diferentes aspectos determinaron o veredicto

Como explicou Lareo, as valoracións do alumnado do CEIP A Xunqueira I non se centraban en quen cantaba mellor, senón que os nenos e nenas debían avaliar múltiples aspectos. Concretramente, puntuaron a creatividade, o ritmo, a coordinación, o vestiario, o volume de son e voz, a integración da lingua de signos nos vídeos, a inclusión das novas tecnoloxías, a montaxe, o volume de son e voz, o entusiasmo e a linguaxe corporal. Rematada a proxección dos vídeos, os escolares deron a coñecer as puntuacións finais dos dez vídeos, o que levou a Ferreiro e Vázquez a recibir os seus trofeos de mans da directora do CEIP A Xunqueira I, Susana Diéguez.

Impulsado por primeira vez en 2020, nun contexto de pandemia, este Univisión 2022 Christmas Edition constituíu a segunda edición presencial dunha “actividade moi bonita, na que se xuntan os extremos dunha etapa educativa”, como destaca Lareo. Por unha banda, os futuros e futuras docentes que se forman na facultade enfróntanse a un traballo co que “non só melloran o seu inglés”, senón co que tamén “teñen que pensar que lles vai gustar” aos nenos e nenas, á vez que lles axuda a “non ter medo ao ridículo”, algo “importante nesta promoción” e permite unha interacción directa co seu “futuro alumnado” antes das prácticas que realizan no último curso. Por outra banda, o estudantado de infantil e primaria toma parte nunha “actividade moi completa”, na que, recoñece Lareo, “rematan cantando as cancións case mellor que os concursantes”.