DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración dun seminario e unha convivencia profesional e interuniversitaria

O Xurés será en setembro punto de encontro internacional da educación social

Os actos están organizados pola Facultade de Educación e Traballo Social e o CEESG

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Internacional
  • Transferencia
DUVI Ourense 06/07/2026

Un ano máis, desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o Colexio Profesional de Educadores e Educadoras Socias de Galicia (CEESG) estase a organizar V Seminario Internacional de Educación Social do Xurés e a V Convivencia Profesional e Interuniversitaria. As citas, que terán lugar do 25, 26 e 27 de setembro como actividades previas ao Festival Xurés Son, reunirán no Concello de Lobios a arredor de 250 estudantes e profesionais do ámbito da educación social e áreas afíns co obxectivo de afondar en temas de interese e actualidade neste eido. 

A edición deste ano foi presentada este luns por Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; María del Carmen Yáñez, alcaldesa de Lobios; e Deibe Fernández Simo, responsable do comité organizador das actividades. As iniciativas, indicouse, están promovidas polo Colexio Profesional de Educadores e Educadoras Socias de Galicia (CEESG), coordinadas pola Facultade de Educación e Traballo Social do campus e patrocinadas polo Concello de Lobios, a Vicerreitoría do campus de Ourense e a Xunta de Galicia. 

Na presentación, Deibe Fernández sinalou que esta cita constitúe “no ámbito da educación social, a actuación de carácter anual máis potente e referente a nivel internacional”. Entre as súas características diferenciais indicou o feito de que é punto de encontro entre profesionais e estudantado e entre profesionais do ámbito da educación social e outras áreas afíns, como o maxisterio e o traballo social. Do mesmo xeito, Isabel Mociño recalcou que estas iniciativas amosan “como desde o local se pode facer algo de repercusión internacional” e que permiten establecer sinerxías entre diferentes “capas”, desde os axentes locais ata a academia e as institucións. Por último, a alcalde de Lobios puxo en valor o feito de que se aposte “por un concello do rural como o noso para acoller unha cita de referencia xa internacional coma esta”. Na presentación recalcouse ademais que esta acción forma parte do compromiso da facultade ourensá coa vertebración do territorio e do rural e o seu empoderamento a través da acción transformadora. 

Unha ampla e diversa programación

O V Seminario Internacional de Educación Social, indican desde a organización, “fundaméntase na necesidade de xerar espazos de reflexión, intercambio e produción de coñecemento arredor da intervención socioeducativa en contextos rurais, transfronteirizos e medio ambientalmente protexidos”. O encontro, engaden, quere contribuír tanto ao avance académico como á mellora das prácticas profesionais, promovendo “unha intervención socioeducativa máis eficaz, inclusiva e sostible”. Consolidado como “o  evento científico e profesional anual máis relevante, a nivel internacional, para a educación social”, desde a organización sinalan que este ano presentarán no Xurés os seus traballos 93 investigadoras e investigadores e participarán en ponencias e obradoiros 42 profesionais e académicos, agardándose na parte académica e formativa a asistencia de arredor de 250 persoas, cifra que se incrementará considerablemente nas actividades lúdicas. 

Respecto ás temáticas abordadas no seminario, desde a súa organización indícase que responden “ás demandas actuais derivadas de fenómenos como o despoboamento rural, o envellecemento demográfico e a exclusión social, especialmente en territorios periféricos”. Haberá un intenso programa de actividades que inclúen conferencias e obradoiros; actividades culturais e lúdicas de convivencia; e actuacións musicais e roteiros para o descubrimento da riqueza natural da serra do Xurés.

Así, nesta edición 2026 levaranse a cabo obradoiros de experiencias de autocoidado profesional; de acompañamento socioeducativo con familias e adolescencias trans; de recuperación de zonas naturais e de ‘fanzine’. Haberá conferencias sobre cuestións como acompañar sen colonizar e palestras sobre escola e familia e prácticas para un sistema educativo seguro e inclusivo. O amplo abano de comunicacións abranguerán cuestións como a escola, innovación e acción socioeducativa; as familias, infancias e acción socioeducativa dende a diversidade; dinámicas lúdicas para a convivencia profesional e interuniversitaria; a acción socioeducativa nas ruralidades, dinamización comunitaria, desafíos sociais e climáticos; e universidade, formación  e práctica profesional. Tamén se celebrará un Laboratorio Aberto SandBox Territorial Xurés 360, un “espazo para a cocreación de ideas enfocadas ao deseño de solucións para os retos do rural”, coordinado por María Isabel Doval e Breixo Martins (da Universidade de Vigo). Completa a programación unha homenaxe in memoriam “a unha figura determinante na promoción e consolidación da Educación Social en España”, Alberto Fernández Sanmamed, e a III Mostra de Innovación Pedagóxica do Xurés-Innova Xurés.