Coa participación de especialistas das universidades brasileiras de Campinas e Católica de Campinas
Xurídicas acollerá esta semana unha xornada sobre pobreza multidimensional e dereitos humanos
Abordaranse temas como a pobreza na infancia, o decolonialismo ou a dignidade humana
Compartir os resultados das investigacións desenvoltas sobre o tema da pobreza multidimensional asociada aos dereitos humanos, con especial énfase na dignidade humana. Este é o obxectivo co que mañá xoves se celebrará na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a Xornada sobre pobreza multidimensional, dignidade humana e dereitos humanos, unha actividade organizada desde ás áreas de Dereito Constitucional e Dereito Administrativo e dirixida pola profesora Hylma Alcaraz Salgado.
A cita será a partir das 11.00 horas na sala de videoconferencias do centro, onde se reunirán diferentes especialistas da Universidade de Vigo e das universidades brasileiras Pontificia Universidade Católica de Campinas (PUC-Campinas) e Universidade de Campinas, que abordarán cuestións como a pobreza na infancia, o decolonialismo ou a dignidade humana. “A investigación sobre pobreza multidimensional co uso de metodoloxía consensual é recente no Brasil. No 2018 púxose en marcha unha investigación conxunta entre a Universidade de Campinas e a Universidade de Cardiff, en Gales, con estudos de campo en varios municipios dos estados de São Paulo e Bahia dos que se obtiveron múltiples resultados relevantes”, salienta Hylma Alcaraz, quen tamén explica que no 2020 se uniu a este proxecto a Pontificia Universidade Católica de Campinas.
A importancia de “pensar solucións conxuntas”
Desde o punto de vista da directora das xornadas, o intercambio de coñecementos arredor de todas estas cuestións resulta fundamental, dado que se trata dunha temática sobre a que “é moi necesario pensar solucións conxuntas” que afectan de maneira intersectorial ás políticas públicas (dereito, economía, educación...).
O programa arrancará coa intervención da profesora Ana Elisa Spaolonzi Queiroz Assis, que impartirá unha charla na que tratará de responder á pregunta sobre cal é o grao de forza da lei brasileira na defensa dos dereitos dos menores. Tras ela será o profesor Guilherme Pérez Cabral, experto en Dereito internacional da Pontificia Universidade Católica de Campinas, quen fará unha abordaxe decolonial da pobreza. Tamén desde esta universidade se contará coa participación de Luís Renato Vedovato, que se achegará ao concepto de dignidade humana relacionándoo coas necesidades socialmente percibidas.
Desde a Universidade de Vigo participarán na xornada os docentes da área de Dereito Constitucional Andrés Vilas Villamarín, Noemí García Gestoso e Koldo Martín Sevillano.