DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

O xurista Pietro Barcellona defende o papel de Europa como decisivo no futuro do planeta

Denuncia que os EEUU ven os dereitos humanos como un instrumento de desestabilización

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 27/02/2008
O catedrático italiano Pietro Barcellona, referencia internacional no ámbito do Dereito, fixo este mércores na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo unha firme defensa de Europa como xogadora dun papel decisivo no equilibrio e no futuro do planeta. Ao tempo, o profesor denunciou que “para os Estados Unidos os dereitos humanos son un instrumento de desestabilización da orde mundial vixente posto que, na guerra de Irán e de Afganistán violáronse todas as normas do dereito internacional”.
Barcellona foi presentado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Fernando J. Lorenzo Merino, e a profesora Pilar Allegue. Ambos salientaron a “extensísima obra” deste autor, membro durante anos do partido comunista italiano. “Unha persoa que é capaz de investigar e plasmar esa investigación na práctica, tanto na docencia universitaria como na complexa sociedade cambiante na que vivimos”, salientaba a profesora Pilar Allegue.

Dereitos humanos e novos dereitos

Os dereitos humanos e os chamadas “novos dereitos” centraron a súa intervención. Segundo expuxo, estes novos dereitos ou dereitos de cuarta xeración teñen un fondo contido inmaterial, refírense á saúde, ao benestar, ao ambiente e veñen a sumarse aos dereitos políticos, civís e sociais.
A globalización, na que a sociedade actual está inmersa, foi outro dos eixes da súa intervención. “Na actualidade estamos ante unha alternativa entre un espazo único, que é en realidade a hexemonía imperial dunha formación estatal nas institucións privadas da democracia, tales como o Banco Mundial ou o FMI, e un espazo plural no que se afirme un papel político para Europa”, salientaba.
O profesor italiano referiuse ao “espazo europeo” como unha boa vía para pór freo aos efectos desta globalización. “É un lugar de cultura aberta, non ligado a unha rixidez territorial nin a unha defensa da etnia ou da raza”, subliñou.
Referente a organizacións como o Banco Central, o Fondo Monetario Internacional ou a Organización Mundial do Comercio, Barcellona considerou que non son máis ca “autoridades carentes de lexislación democrática que actúan como emanación dos gobernos que, no 80% dos casos, son aliados dos Estados Unidos”.