DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos puntos habilitados no campus para depositar aparellos eléctricos e electrónicos

A XV Semana de Recollida de RAEEs permite reunir máis de 1600 quilos de residuos

Achegáronse, entre outros, máis de 80 equipos informáticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/11/2022

Un total de 83 equipos informáticos e 51 televisores e monitores, xunto con decenas de pequenos aparellos, cables ou tarxetas gráficas, depositáronse ao longo da pasada semana nos puntos emprazados nos diferentes centros do campus con motivo da XV Semana de Recollida de RAEEs (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos). Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, o obxectivo desta iniciativa é contribuír á concienciación da comunidade universitaria respecto da importancia que ten o correcto tratamento como residuos de electrodomésticos ou equipos informáticos, debido ao carácter contaminante dalgúns dos seus compoñentes. Despois de que esta iniciativa se levase entre o luns 14 e o venres 18, esta semana procedeuse á recollida dos equipos depositado nos diferentes puntos, reuníndose un total de 1664 quilos de RAEEs, que foron trasladados a un xestor autorizado para o seu tratamento.

As facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, xunto coa Escola de Enxeñaría Forestal, foron os centros que reuniron maior cantidade de aparellos de entre os puntos instalados nos diferentes centros do campus, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás. “É unha actividade que valoramos moi positivamente e que sempre dá moi bo resultado”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, respecto dunha actividade que busca “seguir facendo do campus un espazo sostible”. Nese senso, Torres apunta que está previsto levar a cabo, no segundo cuadrimestre, unha nova edición desta semana de recollida que "tamén dá un servizo á comunidade universitaria”, permitindo o correcto tratamento como residuos "de que equipos que quedaron obsoletos".