DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento congregou máis de 150 persoas na noite do xoves no Pavillón Universitario

O XVI Maratón Solidario de Zumba reúne máis de 350 quilos de alimentos

Os produtos entregáronse ao comedor social dos Pais Franciscanos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 21/12/2018

Como un “grande éxito” cualificaba o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus, Gustavo Loureiro, a décimo sexta edición do Maratón Solidario de Zumba que, nas datas previas ao Nadal, este servizo e a Vicerreitoría do campus organizan cada ano co propósito de contribuír ao labor social que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos en Pontevedra. Na edición que contou coa colaboración dun maior número de monitores e monitoras, un total de 16, este evento solidario permitiu reunir máis de 350 quilos de alimentos non perecedoiros grazas á participación de máis de 150 persoas, que ademais de divertirse e facer exercicio, achegaron o seu gran de area a unha iniciativa aberta a toda a cidadanía, á que se lle solicita que achegue cando menos un quilo de alimentos ao Pavillón Universitario a modo de inscrición.

Coordinados por Bruno Hermida, as 16 monitores e monitoras participantes, chegados desde diferentes municipios da provincia así como desde A Coruña e Vigo, guiaron e animaron ás e aos asistentes ao longo das dúas horas dun maratón dedicado a unha disciplina que combina os movementos aeróbicos cos pasos de baile. O evento contou así mesmo coa colaboración de Coca-Cola e Gadis, que achegaron os alimentos e bebidas coas que as persoas participantes puideron repoñer folgos e continuar movéndose ao ritmo das diferentes coreografías, así como de GymDanceFit, empresas ás que Loureiro agradeceu a súa implicación “para facer posible o éxito” dunha actividade que neste 2018 superou con moito os preto de 200 quilos de alimentos reunidos o pasado ano e que se completou coa entrega, ao seu remate, dos produtos doados ao comedor social dos Pais Franciscanos.