DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No evento entregaranse os trofeos 2007/08 e farase unha mención especial ás empresas colaboradoras

A XVII Festa do Deporte porá fin a toda unha tempada de competicións universitarias

Ao remate un Trimaratón Solidario porá en forma aos membros do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 20/05/2008

Coincidindo co último partido do curso, a final da Copa Intercampus, a XVII Festa do Deporte porá fin a tempada deportiva 2007/08 cunha homenaxe a todos os membros da comunidade que participaron nas distintas competicións universitarias do ano. No transcurso do acto, farase entrega dos trofeos aos gañadores dos torneos internos e terán un recoñecemento especial aqueles deportistas que se subiron ao podio nos Campionatos de España Universitarios. Finalmente, lembrarase tamén aos mozos, mozas e aos equipos que teñan destacado nas súas respectivas modalidades, así como ás persoas e empresas que maior esforzo amosaron a prol do deporte da institución académica.
Para facer a entrega de premios, que terá lugar o vindeiro 22 de maio no salón de actos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, contarase coa presenza de representantes tanto da Universidade como de empresas e institucións , entre os que estarán o reitor da Universidade, Alberto Gago; a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza Pereiro; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández Sánchez ; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura e Universidade, Lola Dopico; a concelleira de Dinamización Socio Cultural e Deportes, Mª Anxos Riveiro Portela; o xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés de Vigo, José Manuel Blanco, o director de Marketing e Publicidade de Caixanova, Jorge Santos, e o xerente do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra, Jaime Agulló Sueiro, entre outros.

Trofeos para o primeiro e segundo posto dos diferentes campionatos

Nesta décimo sétima edición da Festa do Deporte serán galardoados os participantes que acadaron o primeiro e segundo posto das competicións e recibirán unha medalla todos os integrantes do primeiro equipo clasificado. Deste xeito, nas Ligas Universitarias entregaráselle un trofeo aos máis destacados das modalidades de baloncesto feminino e masculino, balonmán masculino, fútbol, fútbol sala feminino, fútbol 7 feminino, rugby 7 masculino e feminino e fútbol sala masculino. Pola súa banda, nos Campionatos Internos de Deportes Individuais recibirán o galardón o número un e o dous das disciplinas de tenis de mesa e de tenis nas categorías feminina, masculina e dobres masculina.
Finalmente, entregaranse os premios aos gañadores da Copa Intercampus, cuxa final se disputará antes do evento, e na que alumnos, PDI e PAS competirán nas modalidades de baloncesto masculino, fútbol sala masculino e feminino, fútbol 7 masculino, fútbol 7 PDI-PAS e voleibol mixto.

Mencións especiais ao mérito deportivo

Ademais da entrega de trofeos, no evento farase unha mención especial “para os deportistas que, en representación da Universidade de Vigo, lograron recoñecidos méritos no eido da educación física na presente tempada”, subliñou o responsable do Servizo de Deportes, Javier Rial. Deste xeito farase unha pequena homenaxe á sección de xadrez xunto ao seu campión galego absoluto, Pablo García, á campiona da sección de Triatlón, Marta Consuegra, e ao equipo feminino de tenis que acadou o primeiro posto no Campionato de España de Clubs de 2ª división.
Por outra banda, desde o Servizo de Deportes tamén se quere lembrar a aqueles deportistas que acadaron os primeiros postos nos Campionatos de España Universitarios e, finalmente, agradeceráselle a súa colaboración á Federación Galega de Taekwondo, á Escola Universitaria de Fisioterapia e ao xefe da BRILAT, “tres institucións que apoiaron decididamente curso a curso as actividades e eventos organizados polo Servizo de Deportes”, apuntou o seu responsable, Javier Rial.

Máis deporte no campus: un Trimaratón para recadar fondos

Ao remate da XVII Festa do Deporte terá lugar un Trimaratón Solidario que os alumnos de terceiro curso de Ciencias da Actividade Física e do Deporte están a organizar para recadar fondos para a súa viaxe fin de carreira. No evento, que comezará o vindeiro xoves, 22 de maio, ás 22.00h e prolongarase ata as 12.00h do día seguinte, poderanse practicar as modalidades de fútbol, baloncesto e balonmán. A participación é libre e por equipos, cun máximo de 12 compoñentes en cada grupo e dos cales, como mínimo, tres deben ser mulleres.
No transcurso do torneo, os participantes enfrontaranse ao seu rival nas tres modalidades deportivas durante 10 minutos para cada unha e o equipo que gañe dous dos tres será o vencedor.
Todos aqueles que desexen pasar un rato divertido e saudable facendo deporte no Trimaratón poderán inscribirse ata o mesmo día da actividade aboando a cantidade de 30 euros no seguinte número de conta: 2080 0401 66 0040184072 (Caixanova) ou realizando o pago directamente no seminario 4 da Facultade de Ciencias da Educación Física e do Deporte, onde se atopan as follas de inscrición.