DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O simposio comezou este xoves en Redeiras cun acto en lembranza do docente falecido

O XXII Encontro de morfólogos rende homenaxe ao profesor Antonio Rifón

Comprende conferencias, pósters e comunicacións centradas na diversidade lingüística

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/10/2026

O da morfoloxía non é un eido académico moi amplo, pero boa parte dos expertos e expertas neste campo danse cita esta semana en Vigo na décimo segunda edición do Encontro de morfólogos, un evento organizado por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución e do instituto iLingua da Universidade de Vigo. Esta é a segunda vez que o evento recala en Vigo, a primeira tivo lugar en 2010 da man do profesor Antonio Rifón, falecido en 2022. Precisamente a súa lembranza foi a protagonista do acto de inauguración que tivo lugar na tarde deste xoves no edificio Redeiras, coa presenza da secretaria xeral da UVigo, Emma Rodríguez; María Méndez, profesora do Departamento de Linguas Española e presidenta do comité organizador e a profesora da FFT Susana Rodríguez Barcia, que foi a encargada de facer a laudatio de Rifón. 

Na súa intervención, Barcia repasou a pegada que “Antón” deixou nalgúns dos seus colegas, como David Serrano Dolader, Elena Felíu ou Ivo Buzek, pero sobre todo as lembranzas dos que foron os seus compañeiros e compañeiras de facultade, departamento e grupo de investigación. Foron as verbas do propio docente as que guiaron a presentación a través as súas respostas a unha entrevista que lle realizaron en 2014. Nela explicaba como a decisión de dedicarse ao estudo das palabras “non foi un amor a primeira vista” senón que o fixo “porque a outra posible parella que me facía algo de caso, a sintaxe, era profundamente pesada”. Acompañada por fotos familiares e de compañeiros de profesión, a laudatio repasou toda unha vida dedicada ao estudo da morfoloxía, unha disciplina da que lle sorprendeu “a orde no desorde. Todo está marabillosamente ordenado e desordenado á vez”.

Unha segunda xornada de comunicacións e relatorios

O simposio, no que participan 30 expertos e expertas, continúa este venres coa presentación de comunicacións e pósters e varias palestrantes da man de especialistas de 12 universidades diferentes, algunhas delas estranxeiras. Na apertura, a profesora María Méndez destacou que se trata dun “encontro pequeno, coqueto pero moi unido” que tamén serve como unha lembranza do profesor Rifón, “o noso guía, o noso compañeiro, o noso mestre e aquí estamos para seguir a súa senda morfolóxica”.  

Méndez explicou que, tras 21 edicións previas, non foi sinxelo atopar unha temática nova que non se tivese abordado previamente. “Houbo encontros sobre o verbo, a derivación, os neoloxismos, os límites da morfoloxía, a adquisición, aspectos relacionados coa semántica, a variación, o dicionario... Pero, retomando os últimos traballos de Rifón, decidimos apostar polos estudos contrastivos e a diversidade lingüística. Consideramos que o eido da inclusividade e a diversidade podería ser bo leitmotiv e ofrecer esta fiestra aberta a traballos máis innovadores como os relacionados coa linguaxe inclusiva, sobre a que se presentan algunhas comunicacións, sobre outras linguas”. Así, baixo o titulo Tecer morfoloxías: estudos contrastivos e diversidade lingüística, trátase de “pensar a morfoloxía dunha forma máis holística, que nos permita con perspectiva máis universal ver fenómenos que, se nos centramos só no español, poden quedar reducidos”. De feito, o programa inclúe dúas palestras en galego e unha sobre lingua de signos “que é fundamental para reivindicar e visibilizar os estudos neste eido”. 

Programa da xornada

A xornada deste venres arrancou coa conferencia de María José Rodríguez Espiñeira, catedrática do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, titulada Contacto español-gallego: cognados y copias léxicas en la derivación adjetival, que foi presentada polo profesor da UVigo José María García Miguel.

Tras ela, unha primeira sesión de comunicacións de 20 minutos nas que se presentaron traballos sobre parasintéticos en composición versus synthetic compounds, o estudo contrastivo dos neoloxismos entre o chino mandarín e o español ou a linguaxe non binaria en galego.  A segunda conferencia plenaria correu a cargo de Francisco Xosé Dubert, profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) centrada no xénero nos substantivos galegos na que reflexionou sobre se a formación de palabras parasita a flexión.

Xa pola tarde retomaranse as sesións de comunicacións con traballos sobre o abreviamento na lingua deportiva, a flexión verbal non estándar en Cortegal, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico”, os alomorfos e a variación no plural dos nomes rematados en –n na Baixa Limia ou os sufixos rivais na formación de adxectivos posesivos en español.

Outra das convidadas será Aida Villaécija, intérprete de lingua de signos catalá e profesora no Departamento de Tradución e Ciencias da Linguaxe da Universidade Pompeu Fabra. A súa área de investigación céntrase na morfoloxía, a lexicografía e a creación de neoloxismos e ofrecerá un relatorio titulado Entre manos y palabras: procesos léxicos, derivativos y flexivos en lengua de signos catalana (LSC) y su lugar en la intermodalidad co que se pechará o simposio.