DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das 16 institucións impulsoras deste concurso de creación de canles de Youtube 

Youtubeiras abre a inscrición da súa sexta edición co obxectivo de facer “nosa” a rede con vídeos en galego

Repartíranse 7500 euros en premios nas oito categorías do certame

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/09/2022

Fomentar a creación en Youtube de contidos en galego con temáticas e formatos diversos, así como dar visibilidade aos perfís de xeradores e xeradoras de contidos neste idioma na rede. Estes son os obxectivos principais de Youtubeiras, un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de doce concellos e da Deputación da Coruña, que este martes abría o prazo de inscrición na súa sexta edición. Ata o 15 de novembro permanecerá aberta a participación nun certame que repartirá 7500 euros en premios entre as súas oito categorías e que se presenta neste 2022 baio o lema de Para rede, a nosa

Tanto os detalles referidos ao período de inscrición como a composición do xurado que decidirá en xaneiro as persoas gañadoras déronse a coñecer nesta xornada no Concello de Pontevedra, nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña; a vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda; a edil de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e o concelleiro de Normalizacion Linguística de Moaña, Aldán Santamaría. 

“Esta iniciativa, que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, ten como meta consolidar e ensanchar a comunidade creadora da nosa lingua na rede”, sinalou Oubiña, facendo alusión ao lema desta sexta edición. Como explicou o edil, os obxectivos de Youtubeiras pasan neste 2022 por “reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada” para as e os participantes, así como incentivar a profesionalización e pór en valor a figura dos creadores e creadoras de contidos en galego na rede, á vez que “fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe” neste idioma en Youtube. Isto levou á súa vez a Reboreda a pór o foco na importancia dun proxecto “xa asentado, pero que vai evolucionando”. A vicerreitora de Extensión Universitaria trasladou a “satisfacción” da Universidade por participar nunha iniciativa como esta, “porque a nosa lingua necesita destes proxectos e necesita de apoios acordes cos tempos que vivimos”. 

Oito categorías

A sexta edición deste concurso conta con oito categorías, incorporando como novidade a de youtubeiro/a revelación. A estas súmanse os apartados de canle, youtubeiro/a, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Outra das novidades, explicou Quiroga, é a modificación dos premios en metálico, pasando a contar todos os galardóns cunha dotación de 1000 euros, agás o premio do público, ao que se reservan 500. Outro dos cambios, engadiu, é que este ano volverán admitirse canles cun só vídeo publico, a diferenza da anterior convocatoria, na que se requirían un mínimo de cinco.

O xurado que aglutina “diferentes perspectivas”

Susana Reboreda foi a encargada de desvelar a constitución do xurado desta edición e que estará composto polo egresado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeiro do ano en 2021; Mónica Fernández Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e coordinadora das primeiras catro edicións de Youtubeiras; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; a estudante Elvira Nercellas, integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, unha administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter. “É un xurado moi variado, que vai aplicar moitas perspectivas diferentes”, salientou Reboreda, que animou a todas as persoas maiores de 16 anos “e especialmente aos universitarios e universitarias” a participar nun certame que busca potenciar o uso do idioma a través dunha “canle que hoxe en día está constantemente nas nosas vidas”. O ditame deste xurado darase a coñecer na gala de entrega de premios, prevista para o mes de xaneiro.

Case tres millóns de reproducións

Aldán Santamarina, pola súa banda, encargouse neste acto de facer balance da traxectoria acumulada por Youtubeiras ao longo dos anos, Ao certame, lembrou, presentáronse 202 vídeos na súa primeira edición, en 2017, para logo alcanzar os 536 en 2020. Na pasada edición, a participación pasou a ser a través da creación de canles nesta rede social en lugar de por pezas de vídeo, concorrendo ao certame preto de 40 canles, que sumaban máis de 2600 vídeos que acumulan no seu conxunto preto de tres millóns de reproducións. “Esta é unha boa mostra de que os premios serven como acubillo á comunidade creadora de vídeos en galego”, salientou o concelleiro de Moaña.

Xunto ás universidades de Vigo, A Coruña e Santiago e da Deputación coruñesa, Youtubeiras é impulsado polos concellos de A Baña, Ames, Ribadeo e Teo, representados tamén nesta presentación xunto aos de Pontevedra, Rois e Moaña, así como polos de Carballo, O Grove, Negreira, Rianxo e Santiago de Compostela.