Vídeos e gráficas
Campaña de comunicación 2026
Sexas como sexas, dámosche a benvida!
Cada ano, por estas datas, lanzamos unha mensaxe dirixida á nosa contorna, pero sobre todo ao estudantado que se enfronta ás probas de acceso á universidade.
Nesta ocasión facémolo contando unha aventura distinta, a de Monchiño, un vampiro matriculado na UVigo, que convive en harmonía co profesorado e co estudantado nas aulas, no laboratorio, na biblioteca ou no comedor...
Realidade e ficción mestúranse para amosar unha institución que ten entre os seus fins eliminar as desigualdades por razón de orientación sexual, sexo, idade, discapacidade, raza, etnia, clase ou relixión, para favorecer e garantir a calidade dunha educación inclusiva.
A intención é transmitir a idea de que cando alguén se achega á Universidade de Vigo, sorprenderase con todo o que esta lle pode ofrecer: unha universidade pública, galega, internacional e sostible, que persegue a excelencia na docencia, a investigación, a transferencia e a innovación, pero sobre todo inclusiva no seu interior.
Baixo o lema «Marcamos a diferenza», a nova campaña de comunicación apóiase na diversidade como elemento fundamental para facer pensar, abrir unha conversación e convidar a matricularse nunha institución onde as persoas medran tanto desde o punto de vista persoal coma profesional.
Porque sexas como sexas, na Universidade de Vigo dámosche a benvida.
#marcamosadiferenza
Para descargar
Vídeos e cuña
De seguido podes descargar o vídeo e a cuña da campaña en distintos formatos:
Manual de identidade
O estilo gráfico da Universidade de Vigo acompañará sempre as comunicacións de acordo co Manual de identidade corporativa. En ningún caso se poderán modificar os deseños proporcionados.
Máis información:
Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 222
viccom@uvigo.gal















