Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio 2026

UVigo - Comunicación 22/07/2026

A Universidade de Vigo adhírese á sexta edición da campaña «A tolerancia apaga o odio» de Movimiento contra la Intolerancia  e súmase ao manifesto por unha lei integral contra os delitos de odio e a protección universal das vítimas
 

O Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio, 22 de xullo, instituido pola Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa tras unha campaña promovida por Movemento contra a Intolerancia en 2014, en recordo do masacre de Oslo e Utoya (Noruega, 2011), cando 77 persoas, na súa maioría adolescentes, foron asasinadas polo fanático neonazi Anders Breivik, é o día que lembra a todas as persoas que son vítimas de delitos de odio. Con motivo da súa conmemoración, en memoria das vítimas, as asociacións asinantes reclamamos unha acción firme fronte a esta praga mediante unha lei integral contra os delitos de odio e de protección universal da vítima, co obxecto de tratar esta problemática desde a prevención ata a sanción e a asistencia integral ás persoas vítimas da intolerancia criminal.

Desde o enfoque universal dos dereitos humanos, desde a perspectiva da vítima e da protección da dignidade intrínseca da persoa, os crimes ou delitos de odio fan referencia a toda acción criminal motivada pola intolerancia cara a quen é diferente. Nesta orientación sitúanse o Consello de Europa e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e outras institucións. Son unha tráxica realidade nun contexto de crecente polarización extremista e de proxeccións de xenofobia, racismo, antisemitismo, disfobia, intolerancia cara a relixións e conviccións, misoxinia e sexismo, homofobia e transfobia, antixitanismo, idadismo, ultranacionalismo, fanatismo ideolóxico e outras expresións de intolerancia, incluídas as dirixidas cara ao aspecto físico, a realidade xenética, a saúde mental, a lingua, a orixe territorial, a condición profesional ou calquera outra circunstancia que negue o valor universal da dignidade humana, as súas liberdades e os dereitos da persoa pola súa diversidade ou polas manifestacións da súa condición humana. Todo iso creba os valores democráticos de concordia, tolerancia, inclusión, pluralidade e paz.

O crime de odio terrorista que dá orixe a este día de memoria foi motivado polo odio do autor cara ás súas vítimas por defender unha Europa aberta e democrática, construída sobre a base dos valores de tolerancia e diversidade, que recoñece a dignidade da persoa e a universalidade dos dereitos humanos. Foi un masacre singular que dista de ser un episodio illado ou único, pois feitos criminais desta índole —e atentados anteriores e posteriores, como os acaecidos en París, Madrid, Orlando, Barcelona, Nova Zelandia, Búfalo, Nixeria, entre outros— evidencian que a intolerancia criminal, levada a cabo por fanáticos extremistas, violentos e totalitarios, baseada no rexeitamento cara ao diferente, é unha realidade persistente. Tamén en España, a nosa experiencia constata esta tráxica realidade.

Vivimos un tsunami de intolerancia que ameaza o mundo con volver a tempos de persecucións, asasinatos e horrores como o Holocausto e outros crimes contra a humanidade. A actual onda de antisemitismo global lévanos a evocar esa terrible traxedia vivida nos anos 30, que acabou coa vida de máis de 11 millóns de persoas consideradas «vidas sen valor» e que o masacre terrorista antisemita do 7 de outubro volve poñer de actualidade.

Para encarar este gravísimo problema, requirimoslles ás institucións españolas unha lei integral contra os delitos de odio e de protección universal da vítima, con capacidade para intervir con eficacia en todos os ámbitos do noso país e en todas as circunstancias sociais e persoais en que se produzan talles delitos, co fin de protexer e apoiar a todas as vítimas, conforme ao que prescribe a Constitución Española.

Toda persoa ou grupo que sufra unha infracción penal motivada por calquera manifestación, característica ou circunstancia privada ou social da súa condición humana —con independencia de que tal característica concorra efectivamente en quen sofre o dano ou prexuízo por ese motivo— ha de ser protexida por esta lei.

Mentres tanto, para que todo iso sexa posible, chamamos á cidadanía a unha campaña permanente ata logralo, e a promover accións in memoriam con concellos, institucións, asociacións e empresas, para iluminar as nosas cidades e pobos coa cor azul, que alumou a solidariedade coas vítimas do terrorismo, a violencia escolar e outras xeradas pola intolerancia criminal, baixo o lema «a tolerancia apaga o odio».

22 de xullo de 2026

Movimiento contra la Intolerancia


 

Reitoría
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 590
sreitoria@uvigo.gal

Movimiento contra la Intolerancia
+34 915 307 199
mci.intolerancia@gmail.com