Programa de actividades

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia 2021

UVigo - Comunicación / UVigo - Igualdade 05/02/2021

«As mulleres estamos a mudar o mundo. Conseguimos mudar as formas de mirar e de investigar. Agora vemos e vémonos.»

A pesar das complicacións derivadas da pandemia pola covid-19, desde a Universidade de Vigo optouse por manter as actividades do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, pero adaptándonos á realidade coa que nos enfrontamos.

O obxectivo é darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no campo da ciencia e da enxeñaría, e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero. 


Charlas da iniciativa 11 de febreiro

Ao longo do mes de febreiro, un total de 32 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofreceranlles a 34 centros educativos de toda Galicia 70 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contaron co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.


Elas fan Cientec 

A quinta edición deste programa de obradoiros para rapazas de secundaria realizarase en liña con catro centros educativos da provincia de Pontevedra o día 11 de febreiro. Así, as docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, organizaron as seguintes actividades para conmemorar esta data.  

  • Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e IES Val Miñor (Nigrán)

As rapazas conectaranse en liña para formar parte de actividades interactivas, vídeos sobre experimentos, charlas etc., mediante a súa participación nos seguintes obradoiros: «Síntese de nanopartículas en disolución», «Elixe o teu epixenoma», «Un día entre moléculas» e «Materiais magnéticos».

  • Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e IES Rosais II (Vigo)

As alumnas participarán en varios obradoiros sobre programación web, programación dun videoxogo con Schatch e realizarán unha actividade lúdica en liña.

  • Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Colexio Plurilingüe Alborada (Vigo)

As estudantes participarán nun obradoiro titulado «The She-ience Games: Catching Fire» a través do que se intentará achegar os fundamentos dos procesos de combustión ás nenas, mediante a realización de experimentos virtuais e unha parte máis interactiva cunha xincana virtual.

  • Escola de Enxeñaría Industrial e IES A Cañiza (A Cañiza)

As alumnas coñecerán da man de tituladas recentes o que é a enxeñaría industrial en todos os campos profesionais e tamén lles explicarán por que decidiron estudar industriais, a súa experiencia e no que están a traballar agora. Ademais, intercalarán as intervencións con vídeos demostrativos de experimentos de aplicación das materias impartidas na titulación e haberá unha conexión en directo coa empresa de tecnoloxía biomédica BETA Implants.


Exxperimenta en Feminino 

Por mor das restricións sanitarias non terá lugar a feira nin os eventos que se organizaban noutras edicións, pero a organización pon a disposición dos centros educativos de toda Galicia unha web con contidos divulgativos sobre mulleres importantes da nosa historia contados por investigadoras do campus de Ourense: exxperimentaenfeminino.webs.uvigo.es/exposicion-virtual_gal/.

Non obstante, o día 11 de febreiro daranse a coñecer as e os gañadores do V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Nel convidábase ao alumnado de Primaria e da ESO da provincia de Ourense a presentar traballos visuais ou literarios sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC. 


11F no Centro de Investigación Mariña

Ao longo do día 12 de febreiro, alumnado de secundaria de diferentes centros educativos de toda Galicia participará en actividades en liña:

  • Videoconferencia-debate coa Asociación Faraxa, na que se reflexionará sobre a necesidade do 11F, cunhas breves nocións de igualdade de xénero, unha revisión histórica do papel da muller na ciencia e a súa exemplificación con casos de científicas que foron invisibilizadas.
  • Videoconferencia coa directora da Área de Investigación da UVigo, Ana Bernabeu, na que presentará os indicadores de igualdade na institución educativa e no CIM e explicará a súa experiencia persoal.
  • Visita virtual do CIM (virtualcim.uvigo.gal/).
  • Debate e reflexións finais.

Novos cursos do itinerario de xénero

Desde a Unidade de Igualdade abrirase a matrícula a partir do 11 de febreiro en novos cursos gratuítos dentro do itinerario de xénero:

  • A inclusión da perspectiva e a análise de xénero na investigación e na innovación
  • A muller e a ciencia
  • Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC

Información e matrícula

 

Unidade de Cultura Científica e da Innovación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 263
ucc@uvigo.gal

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal