Día Internacional das Persoas con Discapacidade

UVigo - Comunicación 03/12/2019

Crue Universidades Españolas, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, quere pór en valor o traballo da Rede de Servizos de Apoio a este colectivo nas universidades (Rede SAPDU). Esta organización creouse hai unha década, en colaboración coa comisión sectorial Crue Asuntos Estudantís, co fin de cumprir os mandatos internacionais e as leis nacionais e universitarias en materia de discapacidade. Na actualidade, atende máis de 22 000 persoas, un 125 % máis ca hai dez anos.

No décimo aniversario da Rede SAPDU, os e as profesionais traballadoras nestes servizos xuntaron nun decálogo os valores e os principios que rexen na súa práctica diaria, que se basan na aplicación da Declaración universal dos dereitos humanos e na Convención internacional dos dereitos das persoas con discapacidade. Co hashtag #decalogoSAPDU, queren dar a coñecer estes valores e visibilizar a situación do estudantado con discapacidade. 

Este código, tamén difundido en formato de vídeo, establece os principios que comparten os servizos da rede e achega un sinal de identidade sobre os valores profesionais desenvolvidos nas universidades na atención á diversidade:

1.    Promoción da autonomía fronte ás condutas sobreprotectoras.
2.    Intervención para a igualdade de oportunidades para todos e todas en todos os ámbitos nos que as persoas participan. 
3.    Pór o valor na persoa como suxeito activo no seu proceso de ensino e de aprendizaxe con dereitos e deberes.  
4.    Confidencialidade e privacidade con atención ao disposto na Lei de protección de datos.
5.    Potenciar o traballo en rede en todos os ámbitos, dentro da universidade e cara a fóra, como parte do compromiso da universidade coa sociedade.
6.    Promoción do deseño universal para a aprendizaxe a través da creación de contornas accesibles para todas as persoas.
7.    Participación plena do estudantado para facer visible a súa inclusión educativa.
8.    Respecto pola diversidade en sentido amplo, incluíndo todos os colectivos.
9.    Perspectiva de xénero nas accións, estratexias e propostas de intervención dos servizos de apoio das universidades.
10.  Desenvolvemento das capacidades persoais para a procura de emprego e promoción da inclusión laboral.