A TRAVÉS DA SEDE ELECTRÓNICA

Exposición pública do anteproxecto dos Estatutos da UVigo

Presentación de emendas ata o 10 de xullo

UVigo - Comunicación 10/06/2025

De acordo co Regulamento de réxime interno do Claustro Universitario publícase o anteproxecto de adaptación dos Estatutos da Universidade de Vigo á Lei orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU).

O anteproxecto foi redactado pola Comisión de Estatutos, elixida polo Claustro para estes efectos. O texto foi consensuado e existen unicamente alternativas en dous artigos do anteproxecto marcados en vermello.

Para fomentar a participación da comunidade universitaria neste proceso, establécese un prazo dun mes para o envío de emendas. O estudantado, o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) poderán presentalas ata o 10 de xullo de 2025 a través da sede electrónica da Universidade de Vigo.

As emendas poderán consistir na supresión, modificación ou inclusión de artigos; neste último caso, deberá propoñerse un texto alternativo, que virá acompañado da argumentación en que se fundamente para debater na comisión.Todas as emendas presentadas deberán vir asinadas por 10 claustrais ou por 25 membros da comunidade universitaria.

Animámosvos a participar neste proceso.