Gustaríache ser a imaxe da nova campaña de comunicación da UVigo?

UVigo - Comunicación 31/03/2023


A Universidade de Vigo organiza unha selección inclusiva para elaborar a súa nova campaña de comunicación institucional

Queremos contar contigo para amosar os valores que caracterizan a UVigo.

Que buscamos?

  • Perfís plurais en todos os sectores da comunidade universitaria (estudantes de grao, de posgrao e do programa de maiores, PAS e PDI).

Para entrar no proceso de selección só debes enviarnos un vídeo de 30 segundos coas seguintes características:

  • Grávate ou pide que te graven en formato vertical.
  • Preséntate e dános os seguintes datos: nome e apelidos, idade e centro de estudo ou de traballo na Universidade de Vigo.
  • Cóntanos algo sobre ti.

Podes enviarnos o teu vídeo nunha mensaxe privada a través das nosas redes sociais (Facebook, Twitter, LinkedIn ou Instagram) ou por correo electrónico a viccom@uvigo.gal antes do 14 de abril de 2023. Por favor, na mensaxe inclúe o teu enderezo enderezo electrónico e o teu número de teléfono para poñernos en contacto contigo. 

Máis información:

  • A gravación dos vídeos e as sesións de fotos terán lugar no interior e exterior do edificio Redeiras de Vigo.
  • A participación será remunerada.
  • As persoas participantes cederán a súa imaxe para a realización dos vídeos e das fotografías da campaña de comunicación e a súa publicación en distintas canles. 
  • A Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais coordinará o proceso de selección.

Anímaste a participar?

#100%UVigo

 

De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento Xeral de Protección de Datos ou RXPD) e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, informámosvos de que os datos asociados que nos facilitedes, serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo. 

Os datos das persoas participantes no proceso de selección cederánselle á produtora e trataranse durante o tempo imprescindible para xestionar o cásting e realizar a preprodución, produción e posprodución das pezas audiovisuais e das fotografías; os datos conservaranse durante os prazos legais e/ou contractuais aplicables.

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para xestionar a selección das persoas participantes  e conservaranse durante os prazos legais e/ou contractuais aplicables.

A persoa interesada ten dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento. Tamén terá dereito a oporse ao devandito tratamento, así como a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Os devanditos dereitos poderedes exercelos mediante unha solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo e presentada ante o rexistro da Universidade de Vigo, ou calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Edificio Ernestina Otero, Campus universitario Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). 

Igualmente poderedes dirixir a dita solicitude directamente á delegada de Protección de Datos da Universidade de Vigo cuxa identidade e datos de contacto son Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, As Lagoas s/n, 32004 Ourense (España). Teléfono: 988 368 834. Enderezo electrónico: dpd@uvigo.gal.

Así mesmo, tedes dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

Información adicional: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos
 

 

Máis información:

Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 222
viccom@uvigo.gal