REDE DE UNIVERSIDADES POLA DIVERSIDADE

Manifesto do Orgullo Universitario 2022

UVigo - Comunicación 28/06/2022

No Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, desde a recentemente constituída Rede de Universidades pola Diversidade, que aglutina máis dunha trintena de universidades comprometidas firmemente cos dereitos do colectivo LGBTIQ+, denunciamos as desigualdades sociais aínda existentes no noso país por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais. Ademais, reivindicamos a equidade para todas as persoas e celebramos o orgullo de ser como somos e amar a quen queremos.

A universidade, como axente social clave que é, debe estar comprometida coa promoción de todo tipo de avances sociais que repercutan en melloras do benestar e da convivencia cidadá e na construción dunha sociedade máis xusta. Aínda quedan por remover factores discriminatorios, secuelas do pasado que perduran na nosa cotiandade que serven para situar as persoas desigualmente na sociedade, en función de características que as afastan do que se asume que é o normal. A universidade non pode ser un caso de tales prácticas, senón un referente do contrario.

As persoas pertencentes ao colectivo LGTBIQ+ aínda experimentan e han de convivir con numerosos prexuízos sociais. Como membros da sociedade e do sistema universitario en particular, compartimos e comprometémonos coa consecución do obxectivo dunha inclusión efectiva e plena de cada unha das persoas integrantes da cidadanía da que somos parte, con independencia da nosa subxectividade, identidade ou expresión de xénero, orientación e características sexuais. Como institucións responsables de xerar coñecemento científico a través da investigación e de facelo chegar á sociedade a través da docencia e da transferencia, somos responsables tamén de visibilizar eses prexuízos que se transforman en desigualdades e de deconstruír os modelos cisheteronormativos que os sustentan.

Por iso, as universidades que formamos parte da Rede de Universidades pola Diversidade entendemos que agora máis ca nunca é o momento de unir as nosas voces ás entidades LGTBIQ+ na súa lexítima reivindicación dun marco xurídico que protexa os seus dereitos e garanta a igualdade real e efectiva que proclama a nosa Constitución. É por iso polo que consideramos crucial que se tramite e que se aprobe canto antes a lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos LGTBI+.

Estamos integradas na sociedade española, e isto significa que vivimos nun estado de dereito, tanto polo indicado na nosa Constitución coma por ser membros da Unión Europea. Polo tanto, nesta contorna social, política e normativa, non caben dereitos discriminatorios nin comportamentos excluíntes, como os discursos de odio que non paran de aumentar na nosa sociedade. A inclusión, unha garantía propia de toda democracia, refórzase alí onde se recoñecen e garanten os dereitos de quen son iguais máis aló da diversidade. O contrario achéganos á barbarie, que hoxe repudiamos de forma contundente con motivo da celebración reivindicativa do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.

A Rede de Universidades pola Diversidade está comprometida coa defensa da diversidade sexual e de xénero nas universidades españolas. Este compromiso é un alicerce fundamental no noso desenvolvemento como rede e no apoio a todas as persoas que poidan sentir nalgún momento un sinal de discriminación por buscar a igualdade. Celebremos a diversidade!

28 de xuño de 2022

 

A Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) está integrada polas seguintes universidades:

Universidade da Coruña, Universidad de Alcalá, Universitat d’Alacant, Universidad de Almería, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad Autónoma de Madrid, Universitat de Barcelona, Universidad Carlos III de Madrid, Universidad de Cádiz, Universidad de Castilla-La Mancha, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de Extremadura, Universitat de Girona, Universidad de Granada, Universidad de Huelva, Universidad de Jaén, Universidad de La Laguna, Universidad de La Rioja, Universidad de León, Universidad de Lleida, Universidad de Málaga, Universidad Miguel Hernández de Elche, Universidad de Oviedo, Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, Universidad Politécnica de Cartagena, Universitat Pompeu Fabra, Universidad Rey Juan Carlos, Universitat Rovira i Virgili, Universidad de Salamanca, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de Sevilla, Universitat Oberta de Catalunya, Universidad de Valladolid, Universidade de Vigo, Universidad de Zaragoza e Universidad Jaume I de Castellón.