Resultados da votación

Nomes propios para os edificios administrativos do campus de Vigo

UVigo - Comunicación 05/10/2018

 

O edificio Xerencia-Servizos Centrais levará o nome de Exeria

Resultado Xerencia

 


 

Ernestina Otero, así se chamará o edificio Reitoría 

Resultados edificio Reitoría

 


 

O edificio Anexo á Xerencia será Filomena Dato

Resultados Reitoría

 


 

 


Na sesión ordinaria do Claustro Universitario que tivo lugar o día 18 de xullo de 2018, o reitor informou da decisión do novo equipo de goberno de cambiar o nome dos tres edificios administrativos do campus de Vigo: Reitoría, Xerencia-Servizos Centrais e Anexo á Xerencia. 
Como mostra do seu compromiso e do seu traballo diario a prol das persoas e da igualdade de xénero, a institución desexa que eses edificios teñan nomes propios, independente dos usos dados en cada momento, e que ademais sexan nomes de mulleres.
A Universidade de Vigo convida os membros da comunidade a participar no cambio de nome destes edificios, que carecen de denominación concreta, co obxectivo de render homenaxe, mostrar e recuperar a memoria de mulleres que contribuíron ao desenvolvemento de Galicia.

Podes votar nas nosas redes sociais:

 

O edificio Xerencia-Servizos Centrais será 

Edificio Xerencia

 

Exeria

De Exeria como autora dun Itinerarium á Terra Santa fala por primeira vez Valerio do Bierzo, ao redor do ano 680, nunha carta dirixida probablemente á comunidade monástica de San Pedro de Montes. Unha das primeiras peregrinas cristiás, Exeria viviu no século IV, na provincia romana de Gallaecia. Muller curiosa, intrépida, audaz e forte, acadou moita sona pola súa viaxe a Oriente entre os anos 381 e 384, emprendida para coñecer directamente os lugares bíblicos e evanxélicos, e tamén a Tebaida exipcia, onde estiveron os ascetas do primeiro cristianismo. Coñécea mellor

...ou María Wonenburger

Pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias, cursou os seus estudos de Matemáticas na Universidad Central de Madrid, onde se licenciou en 1950. En 1953, recibiu unha das primeiras bolsas Fulbright, coa que puido estudar na Yale University, onde se doutorou en 1957 baixo a dirección de Nathan Jacobson. María Wonenburger traballou en teoría de grupos e álxebras de Lie, campo no que dirixiu oito teses de doutoramento. Foi autora dunha morea de publicacións científicas en prestixiosas revistas internacionais. Coñécea mellor.

 

O edificio Reitoría será

Edificio formigón

 

Sofía Casanova

Poeta, escritora e xornalista, foi a primeira española correspondente permanente nun país estranxeiro e tamén de guerra. Muller comprometida coa súa época publicou novelas, contos, unha comedia e colaborou en xornais como La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid; na revista Galicia; noutras publicacións galegas e en prensa internacional como a Gaceta Polska e o New York Times. Coñécea mellor.

... ou Ernestina Otero

Ernestina Otero Sestelo naceu en Redondela en 1890. Realizou os seus estudos de mestra elemental e superior en Pontevedra e foi unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid. Desde o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional opúxose, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas. Coñécea mellor.

 

O edificio Anexo á Xerencia será

 

Antigo CACTI

 

Filomena Dato

Coñécense poucos datos persoais desta poeta galega. Profusamente galardoada, mantivo desde nova unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova e compartiu faladoiro e inquedanzas feministas con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais. Colaboradora habitual en xornais da súa época, pronunciou conferencias en defensa das mulleres en intervencións públicas. En 1906 ingresou na Real Academia Galega como membro correspondente. Coñécea mellor.

...ou Ángela Ruíz

Mestra, pedagoga e inventora, realizou un importante labor educativo orientado ao ámbito das ciencias co obxectivo de mellorar a calidade da ensinanza española. Deseñou a máquina taquimecanográfica, un mapa e un atlas lingüístico gramatical. En 1949, solicitou a patente da Enciclopedia Mecánica, considerada a precursora do libro electrónico e cuxa fabricación dirixiu no Parque de Artillería de Ferrol. Coñécea mellor.