Nova serie de vídeos da UCC+i

Que facemos?

Descubre o Laboratorio de Neurociencia

UVigo - Comunicación / Universidade 24/09/2019

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) presenta a serie «Que facemos?», un conxunto de vídeos para difundir as actividades que realiza a comunidade investigadora da Universidade de Vigo e explicar como os seus avances impactan na nosa vida diaria. Son pequenas píldoras que se van publicar nas redes sociais da UCC+i e que forman parte do seu plan anual de actividades titulado«Unha Cuestión de Ciencia».

O obxectivo desta iniciativa é, por unha banda, que a sociedade coñeza o labor dos grupos de investigación e o impacto do seu traballo en diversos aspectos do seu día a día e, por outra, que a propia comunidade universitaria vaia compartindo o que se está facendo nas diferentes áreas de coñecemento.

A serie de vídeos arranca cunha peza sobre o Laboratorio de Neurociencia, coordinado por José Antonio Lamas, que explica como realizan a súa investigación e como esta se aplica na vida diaria de todos e todas. Grazas ao traballo desenvolvido por este grupo é posible explicar como afectan ás neuronas determinados medicamentos e, polo tanto, permítelle a un médico ou médica explicarlles aos seus pacientes como inciden os ditos fármacos nas súas patoloxías.

Trátase dun grupo pioneiro en Galicia porque, en palabras de José Antonio Lamas «agora mesmo somos os únicos que estamos a utilizar a técnica do Patch Clamp, unha variedade da técnica electrofisiolóxica, que permite estudar a farmacoloxía en neuronas en cultivo». O investigador explica no vídeo que «en ocasións, o que facemos é aplicar drogas, fármacos, toxinas, antagonistas, agonistas... a esas neuronas e ver cal é o cambio que se produce na súa actividade eléctrica». Deste xeito, poden describir a interacción desas substancias coas neuronas e explicar o que sucede cando entran en contacto. Segundo José Antonio Lamas «este traballo é fundamental para o desenvolvemento de novos fármacos, tanto que se poden usar no tratamento do alzhéimer como en calquera outra enfermidade neurodexenerativa». 

O vídeo está dispoñible nas redes sociais da UCC+i (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter) e animámosvos a compartilo para lograr a súa máxima difusión.

Máis información:

Unidade de Cultura Científica e da Innovación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 263
ucc@uvigo.es