Selección aberta para a nova tempada de UVigoShow, a serie de TikTok da UVigo

UVigo - Comunicación 22/10/2025

A Universidade de Vigo organiza unha selección para a nova tempada de UVigoShow, a canle de TikTok que amosa a innovación, o talento, a formación e a diversidade da comunidade universitaria.

Se che gusta actuar, improvisar ou crear contido, esta é a túa oportunidade para formar parte dun proxecto único, creativo e orixinal, feito desde a propia universidade.

Que buscamos?

Buscamos novos talentos entre 18 e 25 anos, con expresividade, naturalidade diante da cámara e capacidade para conectar coa comunidade universitaria.

Apostamos por perfís diversos, profesionais e versátiles, que reflictan a pluralidade e o dinamismo da UVigo.

Valoraremos a experiencia en interpretación ou na creación de contidos audiovisuais para as redes sociais (TikTok, Instagram, YouTube…).

Requisitos

  • Ter entre 18 e 25 anos.
  • Valorarse ser estudante da Universidade de Vigo.
  • Contar con coñecementos de interpretación ou con experiencia fronte á cámara.
  • Ter dispoñibilidade para rodaxes mensuais nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, entre novembro de 2025 e xuño de 2026.

Como participar

  • Prepara un vídeo de presentación (1 minuto) e un fragmento actuado ou de creación de contido.
  • No vídeo, preséntate (nome, apelidos, idade e facultade ou escola, se es estudante da UVigo) e cóntanos por que queres formar parte desta tempada. 
  • Envía o vídeo e o fragmento por correo electrónico a viccom@uvigo.gal antes do 15 de novembro de 2025, co asunto «Selección UVigoShow – nome e apelidos». 
  • Inclúe na mensaxe o teu enderezo electrónico e o teu número de teléfono para poñernos en contacto contigo. 

Proceso de selección

As persoas preseleccionadas serán convidadas a unha segunda fase presencial, que terá lugar entre o 24 e 25 de novembro de 2025.

Nesta fase poderás demostrar o teu talento en directo e vivir a experiencia UVigoShow, coñecendo de preto o equipo e o ambiente da serie.

Máis información

  • A Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais organizará o proceso de selección.
  • A participación será remunerada.
  • As persoas participantes cederán a súa imaxe para a realización dos vídeos e a súa publicación en distintas canles. 

Atréveste a ser a nova cara de UVigoShow e levar o espírito da UVigo ás pantallas de TikTok?
 

De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento Xeral de Protección de Datos ou RXPD) e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, informámosvos de que os datos asociados que nos facilitedes, serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo. 

Os datos das persoas participantes no proceso de selección cederánselle á produtora e trataranse durante o tempo imprescindible para xestionar o cásting e realizar a preprodución, produción e posprodución das pezas audiovisuais ; os datos conservaranse durante os prazos legais e/ou contractuais aplicables.

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para xestionar a selección das persoas participantes e conservaranse durante os prazos legais e/ou contractuais aplicables.

A persoa interesada ten dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento. Tamén terá dereito a oporse ao devandito tratamento, así como a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Os devanditos dereitos poderedes exercelos mediante unha solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo e presentada ante o rexistro da Universidade de Vigo, ou calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Edificio Ernestina Otero, Campus universitario Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). 

Igualmente poderedes dirixir a dita solicitude directamente á delegada de Protección de Datos da Universidade de Vigo cuxa identidade e datos de contacto son Miguel Á. Michinel Álvarez, Facultade de Dereito, despacho 5.47, As Lagoas s/n, 32004 Ourense (España). Enderezo electrónico: dpd@uvigo.gal.

Así mesmo, tedes dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

Información adicional: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos
 

 

Máis información:

Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 222
viccom@uvigo.gal