Para toda a comunidade

Semana do Acceso Aberto 2020

Do 19 ao 25 de outubro

UVigo - Comunicación / UVigo - Biblioteca 16/10/2020

A Semana Internacional do Acceso Aberto organízase este ano do 19 ao 25 de outubro co lema Abrir con propósito: emprender accións para construír equidade e inclusión estruturais. Trátase dunha iniciativa anual para promover o acceso aberto no mundo académico e da investigación.

Atopámonos nun momento de grandes desafíos no ámbito ambiental, social e económico. A actual crise sanitaria puxo de manifesto a urxencia de compartir o coñecemento de xeito global, eliminando as barreiras legais e económicas que impiden o seu acceso. Neste contexto, é mais necesario ca nunca impulsar accións que permitan que as publicacións, os datos e os resultados científicos sexan máis accesibles para facer efectivo o dereito da cidadanía ao coñecemento científico.

Desde a nosa universidade apostamos polo acceso aberto coma unha fórmula para garantir o acceso libre e igualitario ao coñecemento científico, tal e como se recolle na Política institucional do acceso aberto á produción científica da Universidade de Vigo. Este ano unímonos a esta celebración con varias actividades dirixidas a toda a comunidade universitaria e programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación.


Seminarios web

Dentro da programación da Semana de Acceso Aberto, a Biblioteca Universitaria, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e no marco da estratexia de persoal investigador (HRS4R), organiza dous seminarios web  dirixidos ao persoal investigador e a calquera persoa que poida estar interesada nestas temáticas.

A participación en ambos os seminarios realizarase a través de Campus Remoto co contrasinal do estudantado 5tVG7M. O acceso é libre ata completar a capacidade. Unha vez acadado o límite de 100 persoas, o sistema denegará o acceso.

Publicar en aberto na UVigo: rutas, políticas e ferramentas

Data: 21 de outubro, ás 12.00 h

Resumo: o obxectivo deste seminario web é familiarizarse con cuestións básicas relacionadas co acceso aberto ás publicacións científicas, coñecer as vías e os beneficios de publicar en acceso aberto así como o marco legal e os requirimentos de acceso aberto dos organismos de financiamento no ámbito nacional e europeo. As persoas participantes coñecerán tamén Investigo, o repositorio institucional da Uvigo e as vantaxes que ofrece ao persoal investigador.

Relatora: Carmen Barros, responsable do repositorio institucional Investigo da Universidade de Vigo, é diplomada en Biblioteconomía e Documentación e licenciada en Documentación pola Universidade da Coruña.

Dúas décadas despois de Budapest, cara a onde vai o acceso aberto?

Data: 23 de outubro, ás 12.00 h

Resumo: en decembro de 2001 reuníronse en Budapest un grupo de expertos e expertas para impulsar a iniciativa do acceso aberto que nos trouxo os repositorios, as revistas de acceso aberto e as coñecidas vías verde e dourada. Pero, cara onde imos? Os financiadores están a apostar por un acceso aberto inmediato, os editores ofrecen acordos transformativos para manter o seu status quo, as universidades ven que os custos seguen aumentando nesta transición, os investigadores enchen os servidores de preprints para seren os primeiros en publicar, e os avaliadores seguen confiando no factor de impacto. No camiño cara á ciencia aberta miraremos de analizar a situación do acceso aberto e de expor escenarios de futuro.

Relator: Ignasi Labastida é o responsable da Unidade de Investigación do CRAI da Universitat de Barcelona onde tamén dirixe a Oficina de Difusión do Coñecemento. Actualmente preside a xunta de SPARC Europe e é membro do comité executivo do Info and Open Access Policy Group da LERU (Liga Europea de Universidades de Investigación). Participou na proposta de estratexia catalá cara á ciencia aberta incluída no Pacto Nacional para a Sociedade do Coñecemento e forma parte dos grupos de traballo sobre ciencia aberta da  CRUE e da  FECYT. Desde 2003 é o introdutor e o impulsor das licenzas Creative Commons en España.


Recursos sobre o acceso aberto


Guías sobre o acceso aberto


Redes sociais

Podes seguir a Biblioteca Universitaria nos seus perfís de Instagram e de Twitter cos cancelos #SemanadoAccesoAbertoUVigo #OpenAccessWeek #OAWeek


Noticias relacionadas

 

Máis información:
 
Biblioteca Universitaria 
Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación
Biblioteca Central
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 843
referencia@uvigo.gal