Axenda 2030. Axentes do cambio 2025

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 11/09/2025

O curso «Axenda 2030. Axentes do cambio» ten unha duración de 30 horas e vai dirixido ao alumnado da Universidade de Vigo que teña un forte compromiso coa protección do medioambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo.

A Axenda 2030 é unha resolución da ONU aprobada en 2015 que constitúe a folla de ruta da humanidade para os vindeiros anos. Centrada na protección medioambiental e na erradicación de todo tipo de desigualdades, a Axenda busca que as universidades se impliquen na xeración das condicións para acadar un desenvolvemento máis sostible e inclusivo tendo en conta as limitacións do planeta e o benestar das persoas a través da aplicación dos denominados «Obxectivos de Desenvolvemento Sostible» (ODS).

O principal obxectivo deste curso é formar estudantes para que coñezan a Axenda 2030. Esta actividade pódese complementar cunha acción de voluntariado nos tres campus da UVigo para dar a coñecer a Axenda 2030 e sensibilizar a comunidade universitaria sobre os seus 17 ODS mediante paneis informativos e a organización de actividades. 

O curso contará con 30 horas de formación virtual en Moovi onde o alumnado accederá aos contidos sobre a Axenda e a vídeos explicativos. O estudantado terá unha participación activa a través de foros de debate en liña e contará en todo o momento co asesoramento e a titorización do equipo docente, tanto para elaborar as actividades como para resolver dúbidas.

 

Máis información:

Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal