Coñece o ODS 4 e o ODS 5

Bravxs universitarias

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 11/02/2019

O obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS) número 5 da Axenda 2030 establece a necesidade de acadar a igualdade de xénero e apoderar todas as mulleres e nenas. Este apoderamento pasa necesariamente, tal e como avoga o ODS número 4, por eliminar as disparidades de xénero na educación asegurando o acceso igualitario das mulleres á formación técnica, profesional e superior de calidade. 


Os cambios operados nas últimas décadas no sistema de valores e na aplicación de políticas activas de igualdade fixeron posible  a entrada masiva da muller na universidade e o seu acceso a postos de traballo que, ata hai relativamente pouco, estaban reservados aos homes.


Non obstante, a realidade é teimuda. A pesar de que as mulleres supoñen o 55 % do alumnado universitario, seguen tendo unha presenza minoritaria nas carreiras de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (as denominadas carreiras STEM). Os datos recompilados polo Ministerio de Educación evidencian este feito. Así, no curso 2017/18, as mulleres matriculadas na titulación de Matemáticas supuxeron un 38 % e na de Física un 26 %, mentres que nas titulacións de Enxeñaría, Industria e Construción a matrícula baixa a un 25 % e na de Informática cae a un exiguo 12 %.


A Universidade de Vigo quere formar «bravxs» avogadas, educadoras, profesionais da saúde... pero tamén «bravxs»  científicas, informáticas, enxeñeiras e matemáticas. A sociedade non pode desperdiciar o talento e potencial feminino. Por isto, a nosa Universidade comprométese a traballar no cambio desta tendencia inspirándose nos ODS 4 e 5 da Axenda 2030 e reivindicando o papel central da muller na sociedade, tal e como manifesta a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) no seu comunicado con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Coñece o ODS 4 e o ODS 5 premendo en cada icona...

Para máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es