Día dos Dereitos Humanos 2024
Cada 10 de decembro celébrase o Día dos Dereitos Humanos. Foi elixido como día de celebración porque nesta mesma data, no ano 1948 en París, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Esta declaración marcou un fito na historia da humanidade pois, por primeira vez, recoñécese que os dereitos dos seres humanos deben de protexerse no mundo enteiro.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos inspirou a celebración de numerosos tratados internacionais, está traducida a máis de 577 linguas e constitúese como un piar fundamental no que basearse, para desenvolver os 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que conforman a Axenda 2030.
O lema elixido para este ano «Os nosos dereitos, o noso futuro. Xa!» incide en que os dereitos das persoas son esenciais para acadar sociedades máis xustas, igualitarias e sostibles e para permitir que as persoas poidan vivir con dignidade e con respecto.
A educación ten un papel clave como catalizadora dos dereitos humanos, de feito a propia declaración de 1948 recolle que «a educación terá por obxectos o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto polos dereitos humanos...». Nas universidades podemos contribuír ao respecto dos dereitos humanos en liña coa máxima da Axenda 2030 «de non deixar a ninguén atrás» integrando os ODS e o enfoque de dereitos humanos nas principais funcións da universidade: a docencia, a investigación e a transferencia.
Este 10 de decembro reflexionemos sobre como os dereitos humanos poden apoderar as persoas e como dende a universidade podemos contribuír a construír un futuro mellor. Porque os nosos dereitos son o camiño para conseguir o futuro que desexamos e, sen respecto aos dereitos humanos, non é posible lograr o desenvolvemento sostible.
Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal