Día Internacional das Abellas 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 19/05/2022

Cada ano, o 20 de maio celébrase o Día Internacional das Abellas, o cal foi proclamado pola ONU en 2018. A finalidade desta conmemoración é sensibilizar a poboación sobre a importancia da polinización para a supervivencia dos ecosistemas, para a produción de alimentos e para a reprodución de moitas plantas e cultivos; pero tamén ten como obxectivo promover que os gobernos, a sociedade civil e as organizacións internacionais protexan as abellas e outros polinizadores para conseguir incrementar o seu número, manter a súa diversidade e apoiar o desenvolvemento sostible do sector apícola.


A data

Esta conmmemoracion coincide co nacemento de Anton Janša, pioneiro nas técnicas modernas de apicultura en Eslovenia e que recoñece o labor dos insectos e a pouca supervisión que estes precisan. 


FAO

A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) celebra este día cun acto virtual titulado “Compromiso coas abellas: reconstruír mellor en beneficio das abellas” que servirá para “concienciar sobre a importancia da ampla variedade de abellas e dos sistemas de apicultura sostibles, as ameazas coas que se enfrontan e a súa contribución aos medios de vida e sistemas alimentarios”. 


Algunhas medidas para a protección das abellas 

Por un lado, temos medidas que poden levar a cabo os gobernos e os agricultores, como reservar algunhas zonas como hábitat natural, reducir ou modificar o uso de insecticidas ou fomentar a participación, o intercambio de coñecementos e o apoderamento das poboacións rurais e indíxenas así como das comunidades locais. Por outro lado, existen as distintas actuacións individuais que pode ter a cidadanía, como comprarlles mel sen refinar aos agricultores da súa zona, compartir información sobre a situación das abellas ou plantar flores aromáticas autóctonas no seu xardín.


Axenda 2030

Esta celebración está estreitamente relacionada con varios obxectivos da Axenda 2030, como o ODS 2 “Fame cero”(sen a polinización realizada polas abellas a supervivencia dos ecosistemas sería insostible creando así unha situación de escaseza de alimentos); ou o ODS 15 “Vida dos ecosistemas” (procura resaltar a necesidade de abordar as ameazas ás que se enfrontan as especies silvestres e os ecosistemas). Así mesmo, tamén teneco noutros obxectivos como o ODS 3 “Saúde e benestar”, o ODS 12 “Produción e consumo responsable” ou o ODS 17 “Alianzas para lograr obxectivos”.

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal