Día Internacional da Liberdade de Prensa 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 03/05/2022

Desde o ano 1993, cada 3 de maio conmemórase o Día Internacional da Liberdade de Prensa. Esta data ten como obxectivo principal concienciar a sociedade e os gobernos sobre a importancia de respectar a liberdade de expresión e de sensibilizar sobre os problemas da liberdade de prensa e da ética profesional.

A liberdade de prensa defínese como o dereito de todos os medios de comunicación de investigar e de informar a sociedade sobre os acontecementos que suceden día a día, sen que por iso teñan que sufrir censura, acoso ou algún tipo de coacción durante o exercicio da súa profesión. 

«Xornalismo baixo asedio dixital» é o lema elixido este ano para a conmemoración; con el quérese pór o foco nos ataques sufridos polos xornalistas a través dos medios dixitais así como nas múltiples formas nas que os avances na vixilancia, intelixencia artificial e recompilación de big data afectan o xornalismo.

Nesta liña, o Informe das tendencias mundiais da Unesco resalta que a vixilancia e a pirataría informática poden expor a información recollida polos xornalistas e vulnerar así o principio de protección das fontes e poñer por tanto en perigo a profesión. 

O ODS 16 da Axenda 2030 sobre a paz, a xustiza e as institucións sólidas está estreitamente relacionado coa liberdade de prensa xa que este obxectivo procura, entre outros, «garantir o acceso público á información e protexer as liberdades fundamentais, de conformidade coas leis nacionais e cos acordos internacionais.

Podes coñecer máis sobre as reivindicacións do Día Internacional de Liberdade de Prensa premendo na seguinte ligazón.
 

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal